É unha contradición que en Galicia haxa máis de quince mil empregos sen cubrir, sobre todo na industria, construción ou hostalería, e non obstante a taxa de paro entre os menores de 25 anos estea no 24 %. E a pesar de que a demanda de estudos de formación profesional non deixa de aumentar, e conta cunha inserción laboral do 86% no caso dos ciclos superiores, resulta moi difícil conseguir traballadores esenciais, como carpinteiros, albaneis ou fontaneiros. Ademais, os mozos quéixanse das condicións laborais e vai en constante aumento a incorporación de estranxeiros ao mercado laboral.
Hai traballo, pero non ganas de traballar. É certo que en moitos casos escasea a flexibilidade laboral para conseguir un equilibrio coa vida persoal e que os salarios son baixos. Mais isto non debe ser óbice para que a xuventude comece a tempo a súa andaina profesional, tanto para se realizar a nivel persoal como para cotizar á Seguridade Social e contribuír á mellora da economía do país.
Pero hai ben xente nova que cuestiona o valor do traballo e tenta non ser un produto máis do sistema, mentres que outros, por vagancia, non se queren esforzar e asumir as responsabilidades propias da súa idade. Viven cos pais e teñen moito máis do que necesitan: paga fixa, boa roupa, aparellos tecnolóxicos, coche ou moto... É esa chamada xeración «ni-ni», que non quere estudar nin traballar porque a súa tolerancia á frustración é mínima, froito dunha educación sen límites nin compromisos, que provoca inmaturidade e falta de capacidade para tomar decisións e competir na sociedade.
O panorama laboral desta mocidade é, xa que logo, desalentador. Non está preparada psicoloxicamente para traballar nas condicións actuais e busca ocupacións doadas de desempeñar e ben retribuídas. Recordo a anécdota dun empresario que foi alcalde un tempo, cando recibiu a un pai que lle pediu traballo para o fillo. Díxolle que si, que lle daba unha ocupación na empresa, nas condicións legais vixentes, pero entón o proxenitor espetoulle que isto non era o que quería, senón, de ser posible, un «cholliño» no concello. Esta mentalidade, cada vez máis estendida, está a prexudicar moito ás empresas, que non atopan traballadores, e tamén a reducir de xeito drástico a capacidade emprendedora dos mozos, tan necesaria hoxe.
Unha moi boa solución para esta problemática está a ser a formación profesional inicial ou do sistema educativo, cada vez máis próxima á realidade laboral. É unha boa saída para os rapaces que fracasan nos estudos, non teñen claro o que queren ou buscan a inserción laboral.