A chaqueta amarela

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Gonzalo Torrente Ballester.
Gonzalo Torrente Ballester. XOSÉ CASTRO

28 ene 2024 . Actualizado a las 12:27 h.

Convídanme na cidade de Ferrol a participar nos actos do 25 cabodano de Gonzalo Torrente Ballester, un dos nosos grandes escritores: ensaísta, dramaturgo, novelista. Tiven ocasión de tratalo, de editar boa parte da súa obra (en Alianza Editorial), e sobre todo tiven ocasión de celebrar o seu talento, a súa xenerosidade, o seu amor a Galicia en foros literarios e universitarios alén das nosas fronteiras. Certo que non escribiu en galego, agás media ducia de textos ocasionais, mais ninguén pode discutir o seu compromiso co noso universo literario, co seu imaxinario e as súas tradicións, que recolleu en obras como a triloxía de Los gozos y las sombras ou novelas como La Saga/Fuga de J. B., Fragmentos de Apocalipsis y Dafne y ensueños, ou textos como Compostela y su ángel, múltiples referencias en Los cuadernos de la Romana, escritos dende a saudade da súa residencia na Ramallosa…

Cando eu era adolescente, Torrente Ballester daba clases de literatura no instituto feminino de Pontevedra, Filgueira Valverde no masculino. Entre os profesores lembro a Isidoro Millán, Antonio Lino, Celestino Noya, Mariano García… Seica o poeta Rilke dicía que a patria do home é a súa infancia. En termos literarios seguramente é así, mais eu gusto mellor da cita de Max Aub, quen afirmaba que esa patria está realmente onde fixemos o bacharelato. E no meu bacharelato pontevedrés, entre outros, está a figura de Torrente.

Reuníanse os profesores na cafetería Lar, a facer faladoiro despois de comer, e os rapaces viámolos pasar pola alameda cara ás aulas a primeira hora da tarde. Non sei por que teño a imaxe de don Gonzalo cunha chaqueta amarela a cadros, da que moito teño falado co meu amigo Ponte Far, torrentiano militante, e da que algunha vez teño escrito nestas mareas. Pasaban os profesores por diante dos institutos e un compañeiro reparou na chaqueta, diferente das outras, case todas escuras, moi severas. «É un escritor», comentou o noso amigo Zacarías, adiviñando o noso pensamento. Aos poucos meses don Gonzalo marchou para os Estados Unidos, onde exerceu a docencia durante algúns anos na Universidade de Albany. Alí naceu La Saga/Fuga de J. B., na miña opinión a súa novela máis ambiciosa. En Albany e mais nas historias pontevedresas da cafetería Lar, nós quedamos coa idea de que os escritores que saían a viaxar polo mundo levaban todos unha chaqueta como aquela: a chaqueta amarela dos soños, o territorio distinto da imaxinación.

Tratei a don Gonzalo despois, sempre xeneroso cos novos, avogado dos que empezabamos, para abrir camiños alén das nosas fronteiras. Coñecino na redacción do vello Informaciones, con Castro Arines e Pablo Corbalán. E con Carlos Casares. E cando tiven a honra de recibir o premio de novela que leva o seu nome... Van 25 anos do seu pasamento. Como corre a auga pola presa do muíño!