O pasado 24 de xaneiro, a Real Academia de Farmacia de Galicia celebraba no antigo hospital de San Roque compostelán, a súa sede oficial, o inicio do curso 2024, e alí fixo entrega de varios premios que convoca anualmente a douta corporación. Un deles leva o nome de Perfecto Feijoo Poncet, un singular personaxe titular da botica da Peregrina, no centro de Pontevedra, a finais do século XIX e principios do XX. O parladoiro daquela botica —o profesor Díaz-Fierros dixit— foi moi renomeado. A el acudían escritores (Pardo Bazán, Peréz Galdós, Valle Inclán...), políticos (Montero Ríos), artistas, xornalistas e todo persoeiro que visitara Pontevedra. Aínda máis famoso era o loro que don Perfecto tiña, que anunciaba a chegada dos clientes, aos que saudaba con frases destemperadas, cando non insultantes. Chamado Ravachol (nome dun anarquista francés, temido polos seus atentados, guillotinado en xullo de 1892), o loro faleceu en xaneiro de 1913, e o seu enterro constituíu un acontecemento en Pontevedra que se segue rememorando todos os anos no Carnaval daquela cidade, en lugar do enterro da sardiña que cerra o Antroido noutros lugares de Galicia.
Pero don Perfecto foi tamén un pioneiro do folclore: tocaba a gaita, vestido con traxe tradicional, promoveu o primeiro coro galego en 1880 e foi un estudoso da nosa música. Lembrando o labor social deste insigne boticario, a Academia de Farmacia de Galicia puxo o seu nome a un premio que recoñece a actuación na sociedade galega de persoas ou institucións farmacéuticas. Nesta ocasión, mereceu a distinción a delegación galega de Farmamundi, constituída en Santiago en 1996, apenas tres anos despois da fundación da propia oenegué en Valencia. Con case 28 anos ao lombo, a delegación galega —presidida hoxe por Héctor Castro Bernardino, que recolleu o premio— conta con varios centos de socios e colaboradores, sobre todo mulleres. O seu alento permite realizar proxectos de cooperación internacional no ámbito da saúde en diferentes países e proporcionar axuda humanitaria (medicinas e produtos sanitarios) a poboacións vulnerables, como ocorreu no ano 2023, con financiamento da Xunta de Galicia, nos terremotos de Turquía, Siria e Marrocos, e xa hai pouco cos palestinos de Gaza masacrados de forma inmisericorde polo Exército israelí.
Ben está que unha Academia baixe da torre de marfil á rúa e distinga o labor dunha entidade farmacéutica humanitaria. Don Perfecto e Ravachol aplaudirían.