Influencias

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

09 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha viñeta da ilustradora Ali Solomon para a revista The New Yorker na que unha persoa cun teléfono na man dille a outra que ten a sensación de que Instagram está a suxerir os plans da fin de semana. E a verdade é que teño a viñeta na miña cabeza todos os días. Porque, aínda que intento ser disciplinada coas redes sociais (segundo o meu teléfono paso unha media de trece minutos ao día en Instagram), cada día me asusta máis o xeito que ten de influír nos meus pensamentos. Tanto nos máis mundanos coma nos máis profundos.

Hoxe tiña claro o que ía cociñar para cear, xa tiña a compra feita e todo, e entón Instagram amósame unha desas receitas facilísimas dunha conta que non sigo, que me leva, de súpeto, a querer cear alcachofas ao forno cunha crema de allo, tomate e xenxibre. E alá vou eu, coma unha idiota, a mercar alcachofas ao súper e a poñerme a reproducir unha receita tan sinxela coma imposible, pois as miñas alcachofas nin son tan tenras coma as do vídeo, nin a miña crema sabe tan ben como pinta. E así, mentres engulía o meu orgullo á vez que tentaba atopar algo de sabor nas miñas secas alcachofas, deume por matinar no doado que lle resultou á rede social cambiar a miña decisión sobre a cea. E comecei a preguntarme cales son os outros xeitos que ten de mudar os meus criterios, especialmente en temas relacionados co que está a acontecer no mundo. E asusteime de novo, pois son consciente de que eses contidos que recibo de perfís aos que non sigo están precisamente deseñados para influír nos nosos pensamentos en todos os temas posibles, pero non sempre somos conscientes do poder que teñen para facernos cambiar de opinión, tanto para ben coma para mal...