Alfonso Rueda presidirá catro anos máis a Xunta de Galicia. Así o acaban de decidir os galegos que, outra vez, veñen de manifestar a súa vontade nas urnas de maneira ordenada, pacífica e contundente. Fronte aos vaticinios dos que levan anos anticipando unha revolución no modelo de goberno, protagonizada por unha suposta e inventada «maioría social» ansiosa de cambios radicais, a sociedade galega vén de apoiar novamente a súa aposta decidida pola estabilidade e o sentidiño.
O reto do presidente electo dos galegos non semellaba sinxelo cando hai apenas dous anos asumiu os mandos do Partido Popular de Galicia, desbotando de inmediato calquera volantazo e anunciando a súa intención de conservar o moito bo que se tiña feito: «Cambia un dos camiñantes, pero o camiño continúa...».
Alfonso Rueda é un dos artífices principais do proxecto político da Galicia dos tres últimos lustros, e desde o primeiro minuto entendeu a súa presidencia como unha oportunidade de dotar dun novo impulso a esa Galicia que funciona. Sen alardes, sen ostentacións e centrado exclusivamente no que realmente importa: mellorar a vida da xente!
Hoxe os galegos bendiciron cunha sólida maioría ese xeito sinxelo de entender a política, ese estilo Rueda de proximidade e xestión responsable, que agora dispón doutros catro anos para continuar o seu camiño. «A carón da nosa xente, serei un camiñante máis», Alfonso Rueda dixit.