Non vendamos o domingo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

OSCAR CELA

12 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Facer a compra o domingo é algo moi semellante a un sacrilexio. É día de festa ou descanso, aínda que non para todos. Como me dicía a dona dun restaurante hai uns días: para min o domingo é o martes, en alusión á xornada na que pecha o local.

Pero o certo é que nos vendan a froita, a carne, a roupa, o calzado ou os lácteos un domingo... é coma se vendesen tamén parte do día festivo. Outra cousa moi diferente é a feira, que só a hai ese día.

Algúns dependentes, especialmente en épocas de rebaixas e días de vendas específicos, pídennos aos potenciais clientes que non merquemos ese día.

As redes sociais énchense de mensaxes reclamando solidariedade e clemencia neste asunto. Se non hai clientela, deixarán de alongar os horarios de apertura.

Eu, en particular, non teño por norma facer as compras o domingo, pero entendo que haxa xente que cada vez atope máis complicacións para organizarse pola semana. Porque traballamos oito, nove ou dez horas, levamos e recollemos aos fillos a catorce actividades... e vai todo así.

Coma con todo, a solución a un problema adoita tocar distintos ámbitos. O asunto é complicado. Conciliar non consiste en deixar a un neno no xardín de infancia doce horas, senón en seguir un horario laboral axeitado que permita tamén vivir e atender a familia.

Estaría moi ben reducir as xornadas comerciais, pero para iso hai que axustar tamén o resto de horarios laborais.

E sempre está ben comezar as casas polos cimentos, non polo tellado. Cando menos, así evitamos colapsos e fendas.

O cambio social debe ser ben estruturado.