Viaxar en tren

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Oscar Vázquez

18 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Viaxar en tren é cómodo. Moi cómodo. Ademais, un dos medios de transporte que axudan a coidar do medio ambiente.

Pero tamén é moi incómodo. Co asunto dos abonos, a xente anímase a realizar os seus desprazamentos sobre carrís. Conseguir un billete ás veces é tremendamente complicado, en especial algunhas horas do día e certos días. Coincide, claro está, cos horarios laborais (de entrada e saída) e desprazamentos da fin de semana (estudantes e tamén traballadores).

Son moitos os casos da xente que busca asento e non o atopa. Queda en terra ou acaba por usar o coche propio. Porque non hai billetes. Os trens desprázanse completamente cheos.

A situación repítese día tras día, mes tras mes. Entendo que haberá algunha razón, ou varias, para non ampliar o número de trens, de vagóns, ou incrementar a frecuencia das viaxes. Pero tamén resulta inevitable pensar que non se está atendendo a demanda podendo facelo.

Anúncianse agora uns trens dobres, que realmente son dous convois xuntos que forman unha unidade ferroviaria. Prométennolos en Galicia, en concreto para épocas de vacacións ou datas especiais de moitos desprazamentos.

Podían duplicar prazas en certas frecuencias diarias, que os potenciais usuarios agradeceriamos ben. Cada unha das locomotoras arrastraría un número de pasaxeiros equivalente a mobilizar máis de douscentos coches. É rápido, lixeiro e, saben que? Ata fomenta a lectura. Encántame ver os pasaxeiros cos seus libros. Só por iso debera incrementarse o número de prazas.