Foi o Día do Pai e non quero escribir isto. Non quero falar desas dúas nenas que foron intoxicadas. Non quero lembrar a Tomás Gimeno, David Oubel ou José Bretón. Todos cometeron auténticas atrocidades. Levaron por diante a vida dos pequenos só por facer dano ás que foran as súas parellas. Non é ningunha xustificación, tan só a razón que os moveu a realizar tales feitos. Que realmente é unha sen-razón.
A este tipo de violencia denomínaselle vicaria. Defínese así a instrumentalízanse dos fillos co obxecto de maltratar e facer dano ás nais.
Non dubido que un pai quere tanto a un fillo como unha nai. O problema non está aí, senón en ser un maltratador. E como tal, non vai reparar en danos. Vai incrementando o dano a dor e a obsesión ata límites insospeitados. Algúns deles chegan a matar, asasinar. Si, a esa persoa coa que compartiron a vida e ata aos cativos a quen lla deron. Inconcibible, mais real. O odio visceral funciona así.
Ten que producirse un cortocircuíto ben gordo dentro desas mentes dementes. Quizais sexa intermitente, pois algúns deles acaban por quitar tamén a vida propia, pero despois de perpetrar o asasinato. Quen pode soportar cometer un acto así? Os monstros.
O malo destes monstros é que non funcionan coma os que, de pequenos, pensamos que viven baixo a cama. Pechamos os ollos e desaparecen. Neste caso, por moito que apertemos as pálpebras, seguen aí cando as abrimos. Xamais se van, sempre ao axexo.
Oxalá non ter que escribir isto nunca máis.