Traxedias e neglixencias

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Dos turistas observan las olas provocadas por la borrasca Nelson en Muxía
Dos turistas observan las olas provocadas por la borrasca Nelson en Muxía Lavandeira jr | EFE

01 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Calquera suceso que teña por consecuencia unha perda grave ou unha desgraza é considerado unha traxedia. Mais eu distinguiría certos casos. Debería haber unha palabra que diferenciase os sucesos fortuítos daqueles que están provocados por unha neglixencia.

Nesta Semana Santa prevíase tempo desagradable. Avisouse das borrascas intensas por activa e pasiva. Puxéronselle nomes e pintáronse nos mapas os mares de vermello e laranxa. Non sei se se pode chamar máis a atención sobre a perigosidade na costa, mais parece insuficiente. Temos que lamentar a morte de varias persoas. Non unha, varias.

As consecuencias puideron ser aínda peores, pois son moitas as imaxes que se poden atopar nas distintas canles de televisión e nas redes sociais de persoas temerarias paseando á beira do mar, poñendo en perigo a propia vida. E a dos demais. Porque hai xente boa que ante un problema é incapaz de mirar cara a outro lado e facer que non ve. Nun acto involuntario, chegan a lanzarse ao mar por rescatar a quen está sendo arrastrado pola corrente. En lugar de un corpo, o helicóptero tivo que recuperar dous.

Non podo imaxinar unha razón para tal atrevemento. Que sen-razón os move a asomarse ao abismo deste xeito? Un golpe de mar pode ser irreversible. Consegue derrubar e golpear na cabeza, ou envolver, facendo sufrir. É coma un monstro que envolve, marea e afoga. Un final ben angustioso.

Temos que deixar de ser uns imprudentes. Porque estas mortes, máis ca traxedias, son inconsciencias, neglixencias.