Unhas eleccións vascas moi vascas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

María Pedreda

23 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Euskadi ten o seu sistema político e responde a el. Non sei como traducirán o resultado fóra, nin lle importa moito a esa maioría (case 70 %) aberzale sen tentación de frontes. Tan difícil sería un Goberno PNV-Bildu como un goberno PP-PSOE, ou máis. O resultado, propio dun sistema político plural, ilumina o camiño de Cataluña e dun parlamento longo en Madrid.

As eleccións vascas sempre son moi vascas, pase o que pase en Madrid. Porque o que pasa na capital do Estado sempre ten algo que ver cos partidos vascos e non ao revés. Como o logran é doado de explicar: teñen o seu propio sistema político, pero nada do Estado, de Europa, nin do mundo lles é alleo. Eles interpretan a partitura da súa música aínda que os partidos estatais como o PSOE, de longa tradición dende finais do século XIX, ou o PP, moi minoritario pero arraigado e disputando con máis ganas que fortuna a representación da dereita ao PNV, intenten despois traducir os resultado vascos na area madrileña.

A diferenza doutros políticos, os líderes vascos entran nos temas e responden ás preguntas, incluído Abascal, que expresa un extremismo nacionalista español tan vasco como el mesmo. O candidato do PNV, que tivo que disputar a primacía no campo nacionalista nestas eleccións, tamén respondeu aos xornalistas sobre posibles pactos co PSE e, sobre todo, explicou as diferenzas con Bildu, que categorizou en detalle para deixalas meridianamente claras. No País Vasco non hai frontes, hai disputas electorais por como gobernar, compítese por dirixir o país, non por abstraccións. Cousas de vascos.

Sumar e Podemos, que tanta forza fugaz chegou ter en Euskadi para sorpresa de todos, seguen dilapidando a súa fortuna polos casinos electorais. Sumar logrou un deputado que lle serve para demostrar aos seguidores de Iglesias que non teñen futuro. Neste caso a banca que gaña, como en Galicia, é o nacionalismo de esquerdas capaz de facer política e propor políticas para a maioría, acumulando forzas e culminando unha longa transición. Pero Bildu segue co lastre de non tratar o asunto ETA coa rotundidade dos demócratas. Non é que lles custe traballo, din o que queren dicir, as palabras do seu candidato neste asunto non foron improvisadas. É que non queren ou non poden dicir o que deben, suponse que froito dun pacto interno condicionado por Sortu, a forza herdeira de Batasuna, empeñada en dar unha imposible batalla da memoria que tamén libran internamente. Dous días despois daquelas palabras, os que dentro de Bildu sempre estiveron no campo da paz e contra o terrorismo lograron que o candidato fixera unhas declaracións humanas.

O PSE e o PNV reeditarán a alianza que estableceron para impulsar o Estatuto de Autonomía republicano e soster os gobernos no exilio ata 1977. A forza do pasado pesa, as cousas collen postura co tempo. A mesma forza que leva ao PP a facer un anuncio electoral xogando con boinas de cores para defender a pluralidade vasca, incluíndo a vermella dos carlistas armados en Requeté. Os políticos vascos saben sempre o que queren de ir, aínda que fóra non guste.