Anatomía da natureza

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ALI HAIDER | EFE

24 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A ciencia avanza. Podemos saber máis das nosas raíces grazas a ela, así como intentar aliviar algunhas das doenzas que máis nos preocupan. Un dos valores da ciencia é o servizo á humanidade. Pero estas actividades hai que mantelas dentro duns límites. Levamos unha tempada mantendo un debate sobre os fármacos que axudan a adelgazar. Están de moda. Hai quen os consome sen ningunha prescrición médica nin coidado. Un auténtico perigo. Neste caso, ademais, a liña que separa a saúde do canon de beleza obrigado é demasiado difusa. Coidamos do noso corpo ou só da nosa imaxe? As consecuencias poden ser perigosas, catastróficas tamén.

Inundouse Dubai. Choveu coa maior intensidade en 75 anos. O cambio climático produce estragos, pero neste caso o diluvio puido provocarse por nubes artificiais. Seméntanse! Existen métodos para crear nubes e provocar chuvia en épocas de seca.

O problema é medir a reacción da natureza. Sabémolo ben os da costa. Cando se realiza algunha actuación á beira do mar, o resultado desta metamorfose non se coñece ben ata pasados os anos, cando a anatomía do medio xa se reestrutura para adaptarse á mutación realizada artificialmente.

Como científica, estou a favor de todos os avances e estudos, pero isto non debera facernos esquecer que o mellor de todo é sempre a prevención, que neste caso radica nunha idea que se lle transmite á cativada desde infantil: coidar o planeta. Antes de afogar na modernidade, deberiamos agarrarnos a esta actitude. Aínda hai tempo.