As nosas letras

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Sandra Alonso

18 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dezasete de maio. Son as nosas letras. Para moitos, un festivo máis. E xusto iso é o que deberiamos evitar. Que o Día das Letras Galegas quede nunha xornada. Non dubido que haberá quen non saiba que foron dedicadas este ano a Luísa Villalta, muller lúcida e luminosa. É bonito ir recoñecendo figuras marabillosas da nosa literatura. O Día das Letras está ben. Entre as actividades que se promoven, a Real Academia Galega preparou uns vídeos loando a Luísa. Levan por título A rebelión da palabra. Que inspirador! Esta debera ser a loita, pois a verdadeira rebelión das nosas letras sería usar a lingua propia cada día, a de ler autores galegos, a de sentirnos orgullosos de quen somos, do que nos define e distingue. Actuar de xeito natural e anónimo, con ese sentido inmenso do colectivo que tiña Luísa. Somos quen somos porque formamos parte dunha sociedade. Definámola. Militemos na constancia e no respecto cada día. Ese foi tamén o seu legado. Luísa, lonxe de adoutrinar, espertaba conciencias. Que tan necesaria segue a ser hoxe. Botamos de menos a súa voz, doce e contundente.

Temos que aspirar a máis. Non podemos ter letras dun só día. Se queremos que afiancen, hai que sementar e coidar. Os dous pasos son igual de necesarios: sementar e coidar. O 17 de maio e tamén cada número do calendario. Tamén hoxe pode ser un bo día para comezar.