Europa acude ás urnas

Víctor F. Freixanes
Víctor F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

09 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Fermosa historia a de Gema Martínez, que mantivo viva a memoria do seu tío Manuel Otero Martínez (1916-1944), veciño da Serra de Outes, caído na praia de Omaha (Normandía) nas primeiras horas do desembarco do día 6 de xuño de 1944. Nin tempo tivo de chegar ás primeiras liñas de combate. Unha mina rebentou aos seus pés e levouno por diante, xunto con outro compañeiro da barcaza. No cemiterio de Colleville-sur-Mer hai miles de tumbas, moitas delas sen identificar, e unha inscrición co nome do único galego documentado na batalla. En 1948, logo de varias xestións, o seu pai logrou traer os restos para o cemiterio do Freixo, onde o pasado xoves a familia e algúns amigos lle fixeron unha breve e sentida homenaxe, cadrando co oitenta aniversario daquela terrible e decisiva xornada.

O historiador Antonio Osende Barallobre estudou o personaxe: Manuel Otero Martínez. Un gallego en Omaha Beach” (Publicacións Arenas, 2016). Mariñeiro de profesión, mobilizado na Guerra Civil en Xixón con 20 anos, do lado da República, ferido de gravidade na batalla de Brunete, hospitalizado durante varios meses en Valencia, prisioneiro en Barcelona, regresa a casa e emigra aos Estados Unidos en 1940, coa idea de instalarse como mecánico en Nova York, fuxir do escuro horizonte da ditadura e poder axudar a familia. A desfeita de Pearl Harbor déixao impresionado, e en marzo de 1943 alístase no exército dos Estados Unidos, entre outras razóns para ver de lograr a nacionalidade norteamericana. Tiña 28 anos cando ao xornada de Omaha.

Hoxe tocan eleccións, nesta ocasión para elixir representantes no Parlamento Europeo. Sospeito que algo ten que ver a historia de Manuel Otero Martínez coa cita de hoxe nas urnas. A primeira metade do século XX, Europa é unha longa guerra civil, que empeza en 1914 e chega ata 1945, cunha dimensión que axiña atinxe o planeta enteiro e que continúa despois en confrontacións locais de distinto grao: Corea, Vietnam, Checoslovaquia, Hungría, a antiga Iugoslavia, África (dende o Sahara a Somalia), Oriente próximo, Ucraína… ¿Será a condición humana? Non quero pensar así. Diciámolo a semana pasada: o discurso da civilización creouse para domear esa parte demoníaca dos seres humanos. Fronte a bestialidade que quere impoñer as razóns pola forza, a razón do logos (a intelixencia) e a palabra.

As urnas son o símbolo da palabra. Alguén dirá: símbolo ben cativo nestes tempos de agonía, frustracións e impotencia, que nin sequera oficialmente sabemos impoñer as propias decisións. Certo. Mais nas praias de Normandía, hai oitenta anos, e nas de Sicilia, e no Xapón (malia a traxedia de Hiroshima e Nagasaki), mesmo na fronte oriental cando se liberaban os campos de exterminio nazis, alguén soñaba que as cousas podían ser doutra maneira. Tal é o sentido profundo, na miña opinión, da xornada de hoxe.