Enrico Berlinguer, comunismo e pacto democrático

OPINIÓN

ANTONIO SUAREZ

25 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen se lembra hoxe de Berlinguer? Quen o reivindica? quen planea e propón pactos na política democrática do século XXI? Hai corenta anos finou inesperadamente aquel secretario xeral do Partido Comunista Italiano que interpretou e executou mellor que ninguén a forma da esquerda de tradición comunista estar en democracia. A tarefa non era doada, pois o partido que dirixía construírase despois da revolución bolxevique, sobre a idea leninista dun só partido, que era o contrario do multipartidismo no que se desenvolvía a Europa occidental —agás as ditadura ibéricas— despois de 1945. Berlinguer tiña unha boa guía, era herdeiro de Antonio Gramsci, os dous da illa de Cerdeña, os dous empeñados en facer posible a proposta comunista con democracia pluripartidista de liberdades. Gramsci só puidera escribir porque Mussolini meteuno na cadea ata que finou, pero Berlinguer puido facer. O PCI con xa debuxara a liña dese carreiro Toggliati e Longo.

Berlinguer reunía a forza do militante comunista e a finezza do político democrático italiano. Despois de sufrir un ictus mentres falaba nun das eleccións europeas de 1984, aguantou agarrado ao atril ata rematar o discurso, finou uns días despois. Con esa mesma forza teorizou e practicou a compatibilidade, impensable en orixe, entre os herdeiros da revolución soviética e a democracia liberal. Definiu o compromiso histórico para facela efectivo e concretouno en acordos coa Democracia Cristiá e nunha alianza contra o terrorismo nos anos de chumbo. Europeísta convencido, rachou o PCI da matriz soviética para afirmar a independencia da súa acción política a prol unha Europa democrática unida, na que cría como solución histórica para superar os antagonismos nacionalistas militares. O seu Eurocomunismo arrastrou aos partidos español e francés, no portugués nunca atopou acomodo.

Non é necesario marcar a distancia co presente, quen isto lea pode trazar as súas propias diferenzas, segundo en que parte do arco político se atope. Vendo o que acontece hoxe en Europa, chama a atención a mala tradución que unha parte da esquerda fixo do concepto de hexemonía política de Gramsci e Berlinguer, identificárono con dominio político absoluto en vez de con capacidade de preeminencia cultural nun marco de pluralismo político. Parece que o entendeu mellor, polo que vemos, esa extrema dereita internacional inspirada por lectores xuvenís de Gramsci. A esquerda e a dereita democráticas non nacen espontaneamente, son plantas que hai que regar con teoría e con práctica. En Italia o pluralismo cultivouse mesmo na Resistenza partisana, con panos ao pescozo de diferentes cores segundo a orientación política: socialista, comunista, do Partido de Acción, católica, monárquica. A política de frontes polarizadas incapaces de pactar non constrúe democracia senón partitocracia. Sabíao ben Berlinguer, pero non o divino Andreotti. Hoxe a herdanza socialista e democrática do primeiro é caricaturizada e demonizada polos substitutos do segundo: Meloni... Milei, Ayuso, Le Pen. Xulguen.