A súa morte chegoulle o 7 de xaneiro de 1950 en Buenos Aires. Era o primeiro nacionalista galego que falecía no exilio e o seu enterro foi apoteótico. A ditadura en España continou a impoñer o silencio sobre el e a súa obra. Pola súa parte o galeguismo político republicano na Galicia trasatlántica e o clandestino en Galicia mantiveron a súa memoria.
Aquí quedaron as súas pertenzas que lle foron embargadas polo Tribunal de Responsabilidades Políticas e outra ficou en mans privadas. Unha parte do Castelao prohibido seguiu chegando ás agachadas a través das súas obras a Galicia. Outra parte foi autorizada, sempre pasando pola censura. Por iso editorial Galaxia publicou Os vellos non deben de namorarse en 1951. Cos anos iranse divulgando outras producións del e parte da obra artística e escrita irá acumulándose, aos poucos, no Museo de Pontevedra. As súas creacións foron facendo mais visible. Pero non todas.
En 1964 a Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas pero a ditadura seguía a prohibir certos escritos e debuxos. En 1969 morre a súa viúva Virxinia Pereira. En 1974 o galeguismo valora a posibilidade de trasladar os restos de Castelao a Galicia. En 1975, celebrouse de novo a Castelao, pero, en Galicia, non se podía coñecelo na súa totalidade.
Despois do morte do ditador Franco, o 20 de novembro de 1975, comeza a transición cara a democracia. En 1977 desde o Centro Galego de Buenos Aires pénsase na posibilidade de enviar o seu corpo a Galicia. Neste ano publícase en Madrid Sempre en Galiza sen censura. A democracia trouxo a concesión o 16 de marzo de 1978 dun réxime preautonómico a Galicia. Vólvese daquela a pensar desde Buenos Aires na posibilidade de novo dese traslado.
O 21 de decembro de 1980 Galicia aproba en referendo o seu Estatuto de Autonomía. As primeiras eleccións autonómicas celébranse o 20 de outubro de 1981. Xa se cumprían as condicións políticas para o traer. Por iso o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade traer os seus restos.
Para uns cumpríanse as condicións indicadas por Castelao para o seu regreso do exilio, para outros non ou non era ese o xeito de o traer e así o manifestaron en escritos privados e públicos. O retorno sería o xoves, 28 de xuño de 1984, día do referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936. Un regreso que tentaba unir eses dous tempos de democracia e de respecto á vontade do pobo galego que separou o triunfo da intolerancia desde xullo de 1936.
Ese xoves 28 non todos os que querían acudir podían achegarse a Santiago para lle render esa merecida homenaxe.
Con todo, algúns dos convocados ao acto da chegada dun símbolo e dun mito que puideron asistir non pudieron participar nese recibimento como eles quixeran. A espera, a tensión alí concentrada e as emocións e as paixóns duns e doutros manifestáronse nunha protesta e nun enfrontamento que lle restou grandeza e solemnidade á volta dun símbolo recoñecido e respectado por todos.