40 anos da volta do cadaleito de Castelao

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

02 jul 2024 . Actualizado a las 08:02 h.

Coa autonomía acadada, coa democracia establecida, o Parlamento galego acordou por abafante maioría organizar o retorno dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o deputado nacionalista, galeguista e republicano que mellor representaba a loita política pola autogoberno galego. Amais de escritor e artista, Castelao foi principalmente un político, primeiro na República e despois no exilio, por iso converteuse en mito e por iso convertérono en mito. Pola súa adicación e o seu compromiso político. Ninguén encarnou coma el a lexitimidade da democracia republicana e do autogoberno galego.

Por iso, hai 40 anos, uns vanse lavar con el, si, pódese dicir así, porque iso foi parte axial do proceso que aconteceu, da transición que se fixo da ditadura á democracia. Usar o seu nome converteuse nunha garantía taumatúrxica para os que necesitaban mudar de chaqueta. Outros, antifranquistas e nacionalistas, agora con apoio popular e representación parlamentaria, pediron, por voz de Camilo Nogueira, o retorno dos restos de Castelao a Galicia, como símbolo do seu triunfo. Do seu, non do noso. Do trunfo de Castelao medio século despois de que el e as súas ideas foran perseguidas para exterminalas. Aquel Parlamento quíxose sentir herdeiro de Castelao, asumir o seu legado e ao facelo contribuíu a construír un poderoso elemento simbólico da autonomía identificado coa súa figura de político galeguista, republicano, antifranquista e exiliado. Algúns boicotearon e protestaron, queríano traer eles, no medio da emoción que supuxo o acontecemento da volta dos restos de Castelao, uns pararon o coche na Lavacolla, outros berraron contra o Parlamento que tomara a decisión, contra Camilo Nogueira que fixera a proposta e, sobre todo, contra a autonomía como fórmula de autogoberno que estaba a estrearse.

Co tempo, o propio mito de Castelao puido con todo, situouse por riba daquela confusa e pouco exemplar xornada. Para moitos dos que estabamos aquel día diante de San Domingos de Bonaval, o que aconteceu foi unha vergoña colectiva. Era difícil entender que os que máis dicían querelo eran quen máis teimudamente se manifestaban contra a súa volta. Tampouco era doado entender que os que coñeceran e fixeran política galeguista e republicana con Castelao, como Paz Andrade ou Fernández del Riego, quedaran apartados por case todos no medio daquel proceso que mesturaba reivindicación, recoñecemento e apropiación, nuns casos debida, noutros indebida e noutros fraudulenta. En todo caso, o propio de calquera proceso de cambio histórico acelerado que era o que estaba rematando aquel día 28 de xuño de 1984. A piques do cincuenta aniversario do referendo da autonomía galega de 1936, aquel día chegaba ao cumio en Galicia o proceso de conquista da democracia, que adoito se denomina Transición.

O mito de Castelao puido con todo. Hoxe en día, as cousas son tan diferentes que os que promoveron aquel retorno, aquela Esquerda Galega e o PSG-EG son o principal guieiro do actual éxito do nacionalismo parlamentario.