Hai 40 anos que os restos de Castelao chegaron a Santiago, nunha xornada histórica que rematou a paus

O.S. SANTIAGO

VIVIR SANTIAGO

Xesús Alonso Montero lanzouse a recibir o féretro de Castelao en Lavacolla
Xesús Alonso Montero lanzouse a recibir o féretro de Castelao en Lavacolla Cedida por Ir Indo

Pasadas as oito da tarde do 28 de xuño de 1984 aterraba en Lavacolla, procedente do exilio arxentino, o avión cos restos do autor de «Sempre en Galiza». Os disturbios que tiveron lugar despois quedaron na retina de moitos

29 jun 2024 . Actualizado a las 12:06 h.

Este venres, 28 de xuño, cumpríronse 40 anos do retorno a Galicia dos restos de Castelao. Unha xornada histórica coa que Santiago se volcou, pero da que tamén poucos esquecen a tensión na que derivou. A imaxe de Xesús Alonso Montero, expresidente da Real Academia Galega, agarrado por cinco ou seis gardas civís converteuse nunha das máis mediáticas dese xornada. O traslado foi retransmitido en directo en TVE, nun vídeo que moitos estes días rescatan nas redes sociais. Na emisión, e mentres unha emocionada Tareixa Navaza le textos de Castelao, na pantalla sucédense cargas policiais.

A decisión de que os restos de Castelao, morto no exilio en Bos Aires en 1950, regresasen á súa terra tomarase o 4 de maio de 1984, impulsándoa o que era deputado de Esquerda Galega, Camilo Nogueira, no Parlamento. Parte do nacionalismo galego opoñíase a ese traslado ao defender que Castelao expuxera a súa vontade de volver a Galicia, pero cando fose unha «patria liberada». Tras tomarse a decisión do seu regreso, este fíxose coincidir no día no que se conmemoraba o 48 aniversario do refrendo do primeiro Estatuto de Autonomía.

Cedida por Xesús Santos

Ese 28 de xuño de 1984 aterraba, ás 20.02 horas, no aeroporto de Lavacolla o avión co cadáver embalsamado do escritor. Chegaba cun atraso de tres horas debido a unha ameaza de bomba en Madrid, un dos moitos incidentes que terían lugar nesa xornada.

No aeroporto, un dos escenarios da xornada, agardaban ao féretro unhas 200 ou 300 persoas, entre elas, Isaac Díaz Pardo e Xesús Alonso Montero. O académico, nun momento, desmarcouse dos outros e foi un dos primeiros en recibir ao «presidente moral de Galicia». «Nós non podiamos consentir que persoas que pouco tiñan que ver con Castelao fosen quen o recibisen. Agardamos no aeroporto, atentos a ver por que porta saía o féretro. Nós só queriamos recibir a Castelao. Aplaudir a Castelao. Entón vimos o furgón e botamos a correr cara a el. Eu cheguei a tempo de poñerme diante e paralo cos brazos abertos. Nese momento pasou un fotógrafo e tomou a foto. Entón colléronme os gardas civís e un deles díxome: “Señor Alonso, non se poña así, que xa saíu na foto», recordaba Alonso Montero moitos anos despois en La Voz. «Eu non o fixen para saír na foto. Só quería ler un poema de Cabanillas», engadía. «A idea de traer os restos foi boa, mais non a forma. Castelao volveu sen grandeza ningunha. O Goberno español debía ter fretado un dos seus avións para traelo», razoaba.

Xosé Luís Barreiro, entón vicepresidente da Xunta, lembraba, tamén anos despois en La Voz, «que o traslado se fixo razoablemente, nunha circunstancia histórica propicia». O politólogo advertía que a única irmá viva de Castelao era a última representante da familia: «Sen ela, non se tería feito nunca».

cedida por Ir Indo

O féretro fora recibido oficialmente en Lavacolla polo conselleiro de Sanidade da Xunta, Javier Suárez Vence. Coma testemuñas de excepción, subscribiron tamén a acta a irmá de Castelao, o presidente de la Xunta, Gerardo Fernández Albor, e o do Parlamento galego, Antonio Rosón.

Tras a aterraxe, e logo de que na saída da comitiva desde Lavacolla cara Santiago un grupo bloquease a estrada de acceso ao aeroporto, a tensión xa explotou noutro dos espazos nos que se desenvolveron os fitos principais do cerimonial de retorno, os exteriores de San Domingos de Bonaval. Alí, cerca de 2.000 manifestantes nacionalistas, contrarios á que consideraban «manipulación da herdanza ideolóxica de Castelao», lanzaron ovos e pedras as autoridades, chegando a desbordar as vallas, o que provocou a intervención da policía, con cargas e detencións. Uns altercados que ensombreceron o acto e que incluso, como recollía La Voz nese momento, levaba a algúns a propor realizar un acto masivo de desagravio a Castelao. No xornal, que recollía a testemuña de moitos opinantes, incidíase no lamento xeral pola «forzosa ausencia multitudinaria do pobo galego, privado así de render homenaxe ao gran galeguista».

Tras os disturbios de fóra, o acto dentro do Panteón de Galegos Ilustres sucedeu segundo o previsto. Foi un acto relixioso tralo que o entón presidente dela Xunta, Gerardo Fernández Albor, impuso sobre o féretro a medalla de ouro de Galicia, distinción do Goberno galego concedida por primeira vez a Castelao. Desde o 28 de xuño e 1984 os restos do gran escritor galego descansan alí.