Moita esquerda americana e europea está felizmente situándose contra as formas ditatoriais do chavismo, que non son novas. A vulneración das normas mais elementais do xogo democrático no último proceso electoral venezolano fixo saltar definitivamente as alarmas de moitos. Mais ben fíxolles falar porque non aturaban mais seguir calados. Viña de lonxe, era un segredo a berros. Na peor tradición da esquerda máis autoritaria, algúns preferían calar porque so podía haber dous campos, no antichavista so estaría a dereita e o imperialismo ianqui.
Nada menos democrático menos marxista e mais mecánico que ese dualismo simplón herdado do stalinismo mais paifoco. Nada máis de esquerdas que o pluralismo, a dialéctica e o debate aberto dende diferentes posicións que teñen conta da realidade. Nada menos de esquerda que vulnerar as normas democráticas, impedir a alternancia e encarcerar á oposición.
Por fin a esquerda —toda— está aí a conta do asunto venezolano. Se a esquerda non é democrática daquela non é de esquerdas, escribe estes días Alba Rico. En España e Francia, as esquerdas tardaron mais tempo que en Italia ou Portugal en facer esta identificación sen complexos. As disputas entre socialistas «de verdade» e socialdemócratas seguían pesando aínda hai pouco tempo, pese que se remontan ás décadas centrais do século pasado.
En América, Boric, o presidente chileno, lidera a crítica ao réxime de Maduro e acúsao de ser unha ditadura que falsea as eleccións. Quen tivo ditadura sabe identificala. Co chileno sitúase tamén o presidente de Colombia, pese a que xunto con Lula quixo darlle aínda unha oportunidade a Maduro de repetir as eleccións, recoñecendo porén a fraude.
No mundo de hoxe a materialidade da esquerda é a democracia, as súas normas e as súas prácticas; tamén a súa esperanza de transformación emancipadora. O comunismo fracasado de Rusia converteuse nunha autocracia imperial alimentada por guerras continuas; o comunismo exitoso da China, nun capitalismo de estado perfectamente monopolista. A viraxe extremista das dereitas queda reflectida nos que admiran a estes dous campións da autocracia, capaces de suprimir liberdades e dereitos humanos a prol da afirmación do seu estado nacional. A abstracción convertida en nación é mais importante para os autócratas que as liberdades, a convivencia das culturas e a cultura dos dereitos humanos. Sempre co adobio das versións mais rigoristas da relixións.
A defensa do chavismo como esquerda transformadora hai tempo que carece de sentido; pero por fin a crítica ao chavismo dende as esquerdas, moitas veces acompañada de autocríticas, serve para unha afirmación da democracia como sistema que enxendra a perfectibilidade emancipadora neste tempo. As vellas inercias e as vellas ilusións, mesmo as vellas boas prácticas, seguen sendo factores limitantes para algúns poucos neste asunto. O debate que está a producirse a propósito do caso venezolano ten a virtude plástica de reencontrar a todas as esquerdas coa democracia, fronte á autocracia. Benvido sexa. Coido que xa o escribín hai uns anos, miña tía venezolana deixoumo claro dende o comezo: «Militar e golpista, nada se pode esperar de Hugo Chávez». A súa tradición do exilio republicano e o seu activismo no movemento ao socialismo eran un bo fundamento democrático formal e memorial.