Redobre de expectativas: pola estrea, moi polémica na canle pública, e pola incógnita de quen protagonizaría a primeira entrevista, Aitor Francesena, campión do mundo de surf adaptado. TVE afronta unha das tradicións da programación televisiva: regresar á competición en setembro coas metáforas da volta ao cole ou do sempiterno fútbol cobrando de novo protagonismo. Nesta ocasión, a estratexia da política de fichaxes aplicouse con David Broncano, e o efecto estivo á altura dos mellores tempos do Messi, do Cristiano Ronaldo, do Lamine Yamal ou do Rodri Hernández de turno… Pero David Broncano, un compostelán a piques de cumprir os 40 anos, aínda que bo xogador afeccionado ao fútbol nos seus tempos mozos, non foi quen de marcar o gol da vitoria na estrea. Algo moi complicado pola consolidación do seu principal rival, El hormiguero, que neste primeiro enfrontamento face to face venceu ao presentador galego que tampouco logrou impoñerse na súa terra onde acadou unha audiencia media de 139.000 persoas (16.2 %) fronte ás 230.000 (26.5 %) de Antena 3, facendo unha pinza demoledora contra o Babylon Show de Telecinco (32.000 e 3.6 %).
Éxito ou fracaso, entón? Pois depende. Se mellorar os datos habituais de La 1 nesa franxa horaria é un obxectivo que logra manterse, erosionando a praza forte gañada por Antena 3 para liderar e renovar o perfil da audiencia, a canle pública deberá asumir os resultados deste novo xogador que, con tres Premios Ondas no seu haber, trata de resistir. La Revuelta debe parecerse no éxito pero diferenciarse na proposta sen perder as características propias do late show que a audiencia ten como referencia: humor, entrevistas, sketches, xogos, actuacións en directo e, especialmente, a boa conexión do presentador e do seu equipo co público.
Pasaron 40 anos da estrea en Telecinco de Esta noche cruzamos el Mississippi, con Pepe Navarro, un éxito que outros tentaron imitar na mesma canle (Javier Sardá con Crónicas Marcianas) e desde a competencia, especialmente Antena 3, onde o formato foi decaendo coas tentativas de Efecto F, La sonrisa del pelícano ou Maldita la hora. Houbo que agardar a Eva Hache e a Andreu Buenfuente para que abrisen camiño a Gran Wyoming e Pablo Motos. Todos son parte da historia da TV previa á TDT coa que volveu mermar a oferta ata que chegan Broncano e La Resistencia á plataforma Movistar+.
Encaixar na canle pública unha proposta vencellada á televisión comercial, directamente importada da experiencia estadounidense con Carson, Leno ou Letterman, é todo un desafío. Decisión disruptiva en RTVE. Risco engadido. A «Lei da 2.ª emisión» en TV está en marcha… Alea jacta est…
Ana Isabel Rodríguez Vázquez é profesora titular de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC