Unhas 415.000 cartas de apercibimento e ameaza de multa chegaron as casas dos veciños do rural nos últimos dous anos, cominando ao debouzado das parcelas de monte que se sitúan arredor, ou próximas, as casas dos case que 32.000 lugares e aldeas que dan forma tamén ao noso territorio. Certamente que eses núcleos de poboación precisan prevención fronte ao lume, é unha característica diferencial que singulariza a Galicia no contexto de España e mesmo da Unión Europea á hora da prevención dos incendios forestais.
Existe un amplo consenso, no que Unións Agrarias coincide, sobre a importancia dos debouzados no entorno das casas, ante a ausencia do control natural da biomasa que proporciona a actividade agrogandeira, para evitar desgrazas persoais e nas vivendas en caso de lumes en condicións climáticas extremas, como quedou claro repetidas veces nos últimos anos, tanto nos incendios de Galicia, como nos do veciño Portugal. Lembremos que no pais veciño no ano 2017, entre os incendios de agosto en Pedrogao e os asociados ao furacán Ofelia, houbo máis de 100 vítimas mortais polo efecto do lume nun territorio previamente devastado por anos de abandono da actividade agraria e gandeira e a falta de xestión forestal axeitada.
Agora ben, escoller a vía de meter presión baixo coerción recorrente de multa aos habitantes do rural, no que 2.000 núcleos de poboación xa están totalmente abandonados, 12.700 teñen menos de dez habitantes, a metade deles pensionistas, non parece o xeito máis acertado de abordar este problema. Estamos diante dunha poboación que de media supera a idade de xubilación. Moitas veces con problemas de saúde, ou mesmo cognitivos, que lles impiden entender os efectos legais das misivas, e que non teñen as condicións físicas para facer os traballos por eles mesmos, nin posibilidade de pagar limpezas reiteradas das parcelas (supoñendo que atoparan xente) con pensións medias que non chegan a 800 euros ao mes.
Estas necesidades de limpezas van escalando de xeito paralelo ao envellecemento da poboación e o abandono da actividade no entorno das casas. Para a limpeza periódica destas parcelas, unhas 85.000 hectáreas, serían precisos uns 100 millóns de euros e non parece razoable que sexa o segmento de poboación máis desfavorecido e vulnerable o que teña que poñelos.
Ata hai poucas décadas este tipo de lexislación non era precisa: o rural era un medio habitado e en produción, onde ao redor das casas existían hortas, zonas de cultivo e prados que, a xeito de faixa perimetral, creaban descontinuidade e daban protección as vivendas e núcleos rurais. Coa creba deste xeito tradicional de ocupación territorial, que ten moito que ver tamén coas cargas burocráticas que impoñen hoxe en día as administracións para as actividades de autoconsumo, desapareceu en moitos lugares a protección de fincas de cultivo en activo arredor de casas e núcleos rurais. O traballo gratis de prevención que facía o dente do animal criado na casa, ou o mantemento da horta familiar, agora haino que facer con desbouzadora asumindo o custe.
Estamos polo tanto fronte a un problema estrutural, de carácter demográfico e socioeconómico, non fonte ao resultado dunha suma de neglixencias particulares das xentes do rural que, nesa visión tan particular da Administración, parece ser que habería que meter en verea mediante multas. Ante un problema estrutural hai que ofrecer solucións igualmente estruturais.
Mentres non se acada a esa solución estrutural, de acordo que haberá que ter outras intermedias que garantan a protección e a seguridade no rural. Pero esa solución intermedia non pode ser cargar maioritariamente sobre o lombo dos nosos maiores cargas que xa non lles corresponde levar. É mentres cómpre acadar unha nova fórmula que sexa socialmente aceptable e xusta que proporcione aos habitantes do noso rural tan diversificado de Galicia a protección que precisan fronte ao lume.