Un ano máis visita Galicia unha representación da derradeira promoción de alumnos e alumnas do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires. Vintedous en total, xunto con dúas profesoras. Viaxan a Galicia, que en moitos casos é a terra dos seus avós, como cerre dun período escolar que comezou na educación primaria e conclúe nas portas da universidade. O centro iniciou as súas actividades docentes en parte como resultado dunha intelixente política de integración das grandes sociedades galegas na capital arxentina: o Centro Lucense, o Centro Ourensán e a Asociación Galega, do que xa formaban parte o centro coruñés e pontevedrés. Así naceu o Centro Galicia, institución que dende o primeiro momento considerou no seu proxecto estratéxico a promoción do instituto.
A Fundación Galicia-América (24 de xullo de 1996), constituída polo Centro Galicia e a Xunta de Galicia, asume a través dun padroado a xestión do instituto, que actualmente dirixe o profesor Carlos Brandeiro. Son case 700 alumnos, fundamentalmente netos e netas de galegos, aínda que tamén doutras nacionalidades, atraídas polo prestixio obxectivo da institución. Dá xenio escoitar a rapaciños e rapaciñas de poucos anos falar a nosa lingua, empapelar as aulas con figuras das nosas letras (Castelao, Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro…) ou cantar e bailar temas das Tanxugueiras, por exemplo. Visitaron estes días a Real Academia Galega e alí fixeron unha exhibición.
Algunha vez teño falado disto con Xosé María Vila Alén, vencellado dende sempre ás directivas do Centro Galicia e da fundación. Nalgún momento a estratexia quería ir máis aló: a creación progresiva de institutos semellantes non só na cidade de Bos Aires senón en Uruguay, Brasil, Venezuela, México…, alí onde houbese galegos con sentido de comunidade, interesados na continuidade da memoria e a cultura galega na súa descendencia. Sen esquecer o alumnado deses países, por suposto, que se convertirían en vehículos de difusión da Galicia moderna da que hoxe podemos gabarnos, ben distinta da que víu partir os seus avós hai cen anos. Non se trataría de crear illas. Os institutos deben integrarse nos proxectos educativos de cada país, como sucede no caso do Instituto Santiago Apóstol, mais facéndoos compatibles cos currícula educativos de Galicia, de xeito que ao final dos ciclos, na entrada da universidade, o alumnado mesmo poida escoller entre graduarse aló ou incorporarse ás universidades galegas.
Un soño? Non tanto, malia a situación certamente difícil das economías americanas nestes momentos. No seu día, cando o Goberno bipartito falábase do Instituto Castelao ou do Instituto Rosalía de Castro para activar a proxección exterior da nosa cultura. A experiencia en Bos Aires, que cada vez está máis viva, ben merece unha reflexión.