A violencia xuvenil

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

Santi M. Amil

23 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada día hai máis violencia na sociedade, nos medios masivos de comunicación, na vida política e onde aínda é peor, na propia familia. Abonda con ver a televisión para comprobar que, desde as películas ata os propios informativos, a tónica xeral son os insultos e as agresións. A violencia doméstica aumentou máis dun 12 % no último ano, polo que non é de estrañar a agresividade e falta de respecto nos rapaces. Proliferan os discursos sobre o avance na loita contra a violencia de xénero, acoso, racismo ou xenofobia, pero a realidade é diferente, pois as estatísticas reflicten un incremento destas prácticas e unhas posturas moi preocupantes sobre elas das novas xeracións.

Segundo Aldeas Infantís SOS, un 71 % dos adolescentes utilizan a violencia, de xeito individual ou por medio das «manadas», ese novo e covarde método de actuación que tan nefastas consecuencias ten traído. E as dilixencias abertas pola Fiscalía supoñen xa un 18 % dos delitos cometidos por menores. O rapaz violento posúe unha elevada tendencia á agresividade, con falta de autocontrol sobre a ira. Ten pouca empatía e resúltalle moi difícil identificar tanto as súas emocións como as alleas. O seu sentimento de culpabilidade e tolerancia ás frustracións son moi baixos e de aí a incapacidade para aceptar normas ou respectar aos demais.

Son moitas as causas desta situación: exceso de dereitos e poucos deberes; falta de autoridade ou confusión desta con autoritarismo; fácil acceso ao alcohol, drogas ou pornografía; enfoque materialista e hedonista da vida; violencia social; etcétera. Pero quen ten unha grande responsabilidade nesta realidade, é a familia. O mal comportamento dos rapaces non nace agora; ven de atrás, mesmo do berce, momento no que hai que se responsabilizar da súa educación día a día, sen delegar esta misión noutras persoas ou institucións e menos aínda nos amigos ou en Internet. Os pais son insubstituíbles nos aspectos formativos primarios: sentimentos, actitudes e valores.

Máis dun 50 % de proxenitores practica un estilo educativo, xa non permisivo, senón neglixente, carente de límites e de normas. A autoridade positiva, por suposto que con amor e confianza, é imprescindible para a normal formación e madurez do neno. Para conseguila, hai que estar o maior tempo posible cos fillos, escoitar e falar moito, non abusando de aparellos tecnolóxicos que illan aos membros da familia. E por suposto, inculcar valores e dar exemplo. Como non vai ser violento un rapaz, se desde pequeno mamou hostilidade na familia?