Hai un dito na universidade: cando un problema non ten solución, ou non hai capacidade para tomar unha decisión, monta unha comisión. Véuseme á cabeza a propósito da proposta da consellería de organizar dez grupos de traballo para actualizar o plan de normalización de hai vinte anos. É a única reacción a unha realidade estatística dramática sobre a perda de falantes. Mudaron os tempos, os modos e as persoas. A vella idea de normalización non ten sentido hoxe en día, tíñao hai corenta anos, cando se concibiu para darlle normalidade a unha lingua que estivera fóra dela durante a ditadura e fóra da Administración dende sempre. Menos aínda fai sentido afrontar a perda de falantes cun plan que fracasou, como demostran os datos. O asunto non é o plan senón de política. Foi a política de Feijoo a que fixo fracasar o que aquel plan puidera ter de bo. Foi a política dos gobernos do PP nos últimos quince anos a que nos trouxo a esta situación. A resposta só pode ser política, non técnica, a penas social.
Os ben intencionados participantes nas comisións de traballo poderán entregar o mellor da súa longa experiencia, pero barrunto que só vai servir para que os responsables de que o galego siga no recente devalo que eles mesmos fomentaron poidan desculpar a súa inacción, durante todo 2025, argumentando que os expertos están traballando. Ningunha mención á escola como elemento central, ningunha mención ao fracasado decreto de plurilingüismo, nin sequera ao tronco galaico portugués, só a farfolla adoito. Sobre todo, ningunha mención explícita, nin acción real, por parte dos responsables políticos que gobernan a lingua, para buscar e propiciar un amplo acordo político parlamentario a prol do impulso do uso do galego.
O galego é a lingua dos nosos pais e avós, está en grave risco de uso e de futuro. Dino os falantes que lle falan ás estatísticas en castelán. Interésame menos a culpa que a razón. Interesan aínda menos as desculpas. Necesitamos respostas e solucións, propostas, e para iso temos un goberno que ten esa responsabilidade.
Nestes anos non houbo políticas positivas a prol da lingua que funcionasen; a cambio houbo unha visible tendencia a identificar a chamada normalización lingüística co feito de que os seus responsables falaran moito nos medios, multiplicaran a súa presenza pública e apareceran en moitas fotografías. Este último anuncio parece responder ao iso mesmo, pero moi cargado de bombo e multiplicado por dez grupos de traballo. Non parece aproximarse ao pacto pola lingua proposto polo presidente da Real Academia Galega, nin á preocupación que guía a esta e outras institucións e moitos sectores sociais verbo do devalo da lingua
O acordo político é posible, pódese intentar, debera promovelo e protagonizalo o partido que goberna a Xunta, pero nin o fixo nin parece que vaia facelo. Deberan ser pois os outros dous partidos quen o promovan, teñen capacidade e apoios sociais e políticos para acometelo, non sei se teñen condicións e laia. De intentalo promoverían unha vía de solución que faría reaccionar cara un gran consenso, mesmo protagonizalo, a quen ten a obriga de gobernar.