Por que non Groenlandia?

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Canary Wharf, Londres.
Canary Wharf, Londres. Denís E. F.

18 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un capitalismo libérrimo, como un neocolonialismo do século XXI, dirixe a mirada impúdica aos pulmóns do planeta. Calquera investimento que garanta beneficios tanxibles é posible en calquera lugar. Groenlandia, cunha poboación en torno a 60.000 habitantes e máis de dous millóns de quilómetros cadrados, interesa pola minería, o petróleo, por cuestións xeoestratéxicas, porque permitiría abrir unha vía de comunicación marítima ou mesmo para fomentar un turismo ártico. O cambio climático, as culturas autóctonas, o propio futuro da humanidade, son complicacións accesorias.

É previsible que se produza algún acordo entre as partes, porque todo é negociable. Dinamarca expiaría os pecados dun cruel colonialismo non recoñecido ate hai pouco, os investidores van tomando a dianteira e os propios groenlandeses estarán botando contas.

En paralelo con isto, despois de que en Gaza xa se destruíu todo, asasinando milleiros de cidadáns de todas as idades e condicións, considerados apenas efectos colaterais na caza de terroristas, arrasando cidades e infraestruturas, chega o momento do gran negocio. Como en Irak, ou en Ucraína cando remate a guerra, haberá unha conferencia de doadores e convocaranse técnicos especializados para decidir se convén reconstruír as ruínas ou levantar novas cidades. Ante esta situación de dobre face guerreira e caritativa, só nos queda proclamar un non manifestando o desacordo.

Esa forma de pensar e actuar tan estendida reflíctese, a outra escala, na concepción e práctica da construción da cidade. Cando se elude o interese colectivo e se ignora a necesidade de cohesionar socialmente, o valor do público só ten sentido se se pode privatizar para tirar beneficio. Cada individuo ou grupo social con poder vese autorizado a facer o queira. A vivenda é só un negocio para os que poden participar no Monopoly mercando «accións de solo» en función das rendas de posición. O cidadán de a pé que espabile.

Menos mal que hai unha praxe urbana europea que, polo xeral, parte dunha cultura histórica. Trata de introducir certa racionalidade, atendendo os valores naturais, patrimoniais e culturais, valora o crecemento denso e mesmo aspira á calidade. Así naceu un vocabulario que fala de sostibilidade, mobilidade, rehabilitación…

Tamén hai unha paixón inmobiliaria moi española, excesivamente focalizada no uso residencial, alentada pola especulación do solo e por case cen millóns de visitantes que ninguén se atreve a acoutar ou cambiar a promoción turística. Pero esa é outra historia.