
E non parece que ninguén lle poña remedio. Que quedará desa franxa de terra palestina que arestora o Exército israelita machaca sistemática e indiscriminadamente día e noite? Non serei eu quen defenda nin sequera xustifique a política de Hamas: o criminal atentado de outubro de 2023 sobre todo, no que foron asasinadas 1.200 persoas, xente moza case toda, e foron capturados máis de 250 reféns dos que a día de hoxe apenas sabemos que foi da maioría deles. Mais a resposta de Israel, non menos feroz, respira no espírito da vella lei do talión, ollo por ollo e dente por dente, multiplicada pola maldición bíblica de sete veces sete. Cantos mortos van en Gaza dende que se reactivou o conflito? Máis de 61.000 palestinos e arredor de 1.700 israelitas, cunhas porcentaxes altísimas de poboación civil: mulleres, vellos e nenos. Un masacre. E cantos dende o principio dos tempos? Non hai intelixencia capaz de encarreirar semellante cataclismo?
O conflito ten raiceiras moi profundas. Se facemos caso do discurso mítico ou relixioso, case que hai que procuralas no principio da civilización, no caso de que poidamos chamar civilización a isto. Quen lle prometeu a un pobo a posesión e dominio exclusivo sobre outro, que xa estaba alí? E quen reactivou o discurso despois da Segunda Gran Guerra, en parte como consecuencia da mala consciencia polas matanzas e persecucións contra os xudeus. Todo o podemos explicar. Hai vellas razóns en todas as partes. Mais quen vai suturar estas feridas? Alguén pode imaxinar a situación dos fillos ou dos netos?
Cada vez que miro os ollos das crianzas feridas ou esmorecendo de fame entre os cascallos de Gaza, penso no seu futuro, logo de ver morrer os pais, as nais, os avós, os irmáns, os seus amigos e veciños? Que podemos agardar dese futuro coas feridas abertas, se non continuar a vinganza, que é a matanza, ás veces porque xa non teñen outra cousa que continuar? Ben sei que esta marea de hoxe está chea de interrogantes. Abofé que non son retóricas. Mais non se lles ve resposta, e hai tempo que cismo nelas.
Gaza ten unha extensión semellante ao concello de Lalín: 365 quilómetros cadrados. Lalín ten 326. Na Franxa de Gaza apertábanse ata hai pouco máis de dous millóns de habitantes, cunha densidade de poboación de cinco mil por quilómetro cadrado. Hamas fíxose co poder no ano 2006 (logo dun proceso electoral, por certo). Din os que alí estiveron que a zona é un xigantesco queixo inzado de buracos, túneles e labirintos subterráneos onde sobrevive parte da poboación e que agocha a resistencia armada. Cal é a estratexia a seguir? Dinamitar túnel por túnel, buraco a buraco, tobo a tobo ata non deixar unha alma? Sobre estas premisas se pretende construír o futuro? A fórmula dos dous Estados segue a ser, na miña opinión, a única fórmula posible, mais nunca tan lonxe estivo.