«Soñaba con xuntar a 20.000 traballadores no primeiro de maio, pero eramos vinte»

Antonio Nespereira

OURENSE

O histórico sindicalista, afastado da primeira liña, lembra que «Ourense e os seus traballadores sempre estivemos en crise»

21 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os vellos lobos de mar sempre contan como se salvaron daquel naufraxio e como as redes ían sempre a rebentar. As xestas acaban tendo carácter mitolóxico e os fracasos, meras anécdotas sin importancia. Xosé Gómez Gómez (Montederramo, Ourense, 1952) soñaba en tempos «con xuntar 20.000 traballadores nas manifestacións do primeiro de maio, pero chegamos a estar vinte». O pavillón dos Remedios foi, e segue sendo -agora menos porque as únicas manifestacións que se fan son aos xornais- esa especie de grella de saída ao circuíto reivindicativo ourensán, con meta no parque de San Lázaro.

Gómez leva 32 anos militando en Comisións Obreiras, moitos deles como secretario provincial. É fillo daquel sindicalismo de combate, político, fondamente ideoloxizado, que se enfrontaba ao franquismo e que moitas veces pagou cos empresarios o que non se podía facer co poder da ditadura. Era un sindicalismo ata cutre «porque moitos dos que estabamos xa liberados nin sequera tiñamos seguridade social». Vaia contrasentido.

O 23 de marzo de 1978 Comisións Obreiras abre a súa sede na rúa San Miguel ata que en 1989 pasaron para a Casa Sindical. Atrás quedaban xa moitas andanzas daquel rapaz fillo de labregos, bastante espabilado, que se vai para Madrid («daquela o fin do mundo para min») cuns tíos a estudar. Iso de estudar fíxoo por tramos. Chegou a matricularse en Ciencias da Educación pero non rematou, entrou en Dereito pero quedou a metade do camiño.

En 1976 empeza a traballar na forxa en Barreiros, a mítica empresa fundada por Eduardo Barreiros, un nome prendido na historia do que agora se chama emprendemento. Un apelido ilustre, como pedigrí ten o de Franqueira, de quen Gómez garda un bo recordo e unha mellor anécdota.

O discurso

Foron visitar ao fundador de Coren o propio Gómez e Lobato, un compañeiro do sindicato. Pedíronlle que lles deixara convocar aos traballadores para explicarlles as funcións que eles facían como representantes dos traballadores. Franqueira, logo de darlle varios pases, acepta e dálles permiso. Gómez non esqueceu «que alí en Santa Cruz de Arrabaldo habería mil persoas. Aproveitamos os vinte minutos que tiñan para o bocadillo e falámoslles. Moi poucos nos miraban aos ollos, tiñan como medo. Cando rematamos, detrás de nós, entrou Franqueira e díxolles: 'Vostedes verán o que fan. Cando o fillo lle vaia á mili, ¿quen lle vai conseguir un bo destino? ¿Quen lle vai regalar a cesta polo Nadal? Vostedes verán a quen lle fan caso'».

A dialéctica patrón-obreiro. ¿Hai algo de lenda? ¿É o empresario un inimigo? «Nin moito menos», atalla Gómez. El estima que «o empresario é un colaborador, pero o traballador tamén. Podemos estar en guerra, pero somos complementarios e témonos que entender».

Valora a moitos empresarios ourensáns pola súa capacidade de risco «e porque souberon combinar os beneficios empresariais cos dereitos dos traballadores», pero rexeita «ise modelo de enriquecemento rápido, de beneficios que non se reinvisten, mesmo esa presunción dalgún que se chama empresario e que é moi cicateiro cos empregados».

A presión

Pero as relacións non son idílicas. Nin agora nin nunca. O curriculum de Gómez está cheo de liortas, de mobilizacións, de manifestacións, peches e pancartismo . «Ás veces non había outro remedio e, aínda que sexa triste dicilo, moito do que se conseguiu foi grazas a medidas de presión».

Non esquecerá «o conflito dos mineiros de Penouta», unha mobilización que se produxo na década dos oitenta co peche da mina do oriente ourensán. Gómez sitúase en aqueles tempos: «Houbo cortes de estradas, paramos o Talgo, pechámonos na catedral e manifestámonos na Gran Vía de Madrid con 120 mineiros. Aquela protesta durou un ano».

A crise

Pero Ourense, por estar basicamente desindustrializada, non protagonizou grandes conflitos. A provincia arrastra un peso agrario que esmorece e historicamente estivo orfa dunha burguesía emprendedora. Agora, con esta crise que nos afoga, o sindicalismo trata de buscar un espazo na sociedade globalizada e no desinterese dos xoves pola militancia, mesmo sindical.

Gómez sinala que «os traballadores ourensáns sempre estivemos en crise porque esta provincia sempre estivo en crise. Cando as cousas ían mellor, había máis contratos, pero a maioría eran en precario».

Lembra tamén que os políticos salvaron -e salvan- as súas responsabilidades «facendo un montón de plans que logo non serviron para nada». Xosé Gómez di que «todo o mundo coñece as potencialidades de Ourense, pero a xente segue indo para fóra, os recursos como a pedra seguen indo a outros mercados e así sucesivamente».

Son reflexións dun home curtido na dialéctica patrono-empresario. De tódolos xeitos, si algunha das súas fillas quixera ser empresaria «non me parecería mal, senón ao contrario, pero diríalles que ser empresario é algo moi importante, que os hai en Ourense e que as empresas fanse con traballadores».