O cine perdeu máis de 20.000 espectadores ao longo do 2010

Xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

As 13 salas da provincia de Ourense recibiron 265.255 persoas o pasado ano

03 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aínda que as cifras de Avatar ou Torrente 4 podan levarnos a confusión o certo é que o cine non goza de boa saúde no Estado. A baixada constante do número de espectadores é un camiño que se percorre nos últimos anos e a perda de seguidores deixa cada ano unha estatística demoledora. No pasado exercicio, o correspondente ao 2010, as salas de cine galegas perderon en conjunto 450.000 espectadores con respecto ao ano anterior e baixaron ao nivel do ano 1995.

No caso da provincia de Ourense a tendencia é, como o resto de Galicia e do Estado, á baixa e durante o pasado ano acudiron ao cine un total de 265.255 persoas, fronte ás 285.310 que pasaron por taquilla no exercicio 2009. Dáse a circunstancia que se rexistrou unha perda de 20.055 espectadores a pesares de contar cunha pantalla máis, 13 rexistradas en 2010 fronte ás 12 dos exercicios 2009 e 2008 -e fronte ás 16 salas que estaban dadas de alta en 2007-.

Segundo as estatísticas do Ministerio de Cultura en 2010 pasaron os referidos 265.255 espectadores polas salas de cine da provincia e rexistrouse unha recadación de 1.691.532 euros. No exercicio do 2009 foron 285.310 os espectadores e o movemento económico 1.701.864 euros. Nos anos precedentes a asistencia foi de 263.039 espectadores (2008) e 273.704 (no 2007).

No informe do Ministerio de Cultura, no apartado referido a El cine y el vídeo en datos y cifras, recóllese un listado segundo o cal a provincia de Ourense ocupa o posto 43, das 52 provincias do Estado, en relación ao número de espectadores que acuden ao cine anualmente. No ano 2009 o posto ocupado por Ourense era o 42, no 2008 a provincia estaba no 43 e no 2007 no 41. No referido a asistencia ao cine e ás entradas vendida, o informe sinala que «Ourense, Teruel, Cuenca y Huesca fueron las provincias donde la gente ha ido menos de una vez al cine por habitante» ao longo do ano 2010.

Demanda de cine alternativo

Aínda constatando que nin o 3D (Leiro, Xinzo e Ourense instalárono en 2010) é quen de paliar a perda de espectadores, si que se constata unha boa demanda en relación ao cine que non pasa polos circuitos comerciais: nos ciclos de cine do OUFF e o Padre Feijoo no primeiro trimestre de este ano pasaron 2.158 espectadores e houbo sesións con entradas esgotadas.