S obre todo para os que viaxamos na banda política de estribor, o 20-N foi un día ledo e cheo de esperanza porque a dereita goberna, outravolta, o temón do Reino das Españas. Rajoy esnaquizou o teito electoral que establecera Aznar no ano 2000, mentres que Rubalcaba, nun exemplo de progreso electoral, case deixa aos seus en niveis de voto de 1979. En Galicia e Ourense, aínda que obtivemos uns bos resultados, non puidemos superar os teitos acadados por Manuel Fraga e Baltar. Pero para min o que paga a pena estudar a fondo é o caso da capital ourensá na que, en seis meses, os que pasaron entre locais e xerais, con tensións electorais semellantes e as mesmas motivacións veciñais para castigar ao socialismo, obtivemos case 10 puntos de diferenza, os que marcan unha maioría absoluta local. Alguén podería recorrer á teoría do trasno xoguetón ou mesmo teimar nun mal fado que, en maio, botounos unha meiga chea de vicio. Máis de seguro que ninguén explicará que nestas xerais houbo, por riba da soberbia de algúns, un partido xunguido ao redor dunha causa de altura; un número un que, cando fuxe do ángulo morto, domina a toga cándida; unha cidade que, agora si, era un obxectivo prioritario e, sobre todo, un líder político, Alberto Núñez, que veu, máis que ningún outro presidente, na procura da nosa salvación electoral.