A falta de influencia dos pais desorienta aos fillos, alerta o experto
27 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Psicanalista e psicólogo clínico, Manuel Fernández Blanco presenta hoxe, baixo o título Quedan aínda persoas maiores?, o primeiro relatorio das xornadas Adolescentes en conflito: un reto para os profesionais, que organiza a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia.
-¡Supoño que irá con segundas nunha provincia chea de anciáns!
-Efectivamente, un pode cumprir anos sen abandonar a infancia. A diferencia fundamental entre un adulto e un neno é que o adulto se responsabiliza dos seus actos e, especialmente, das consecuencias. Estamos nunha sociedade dunha adolescencia alongada ou dunha infancia eternizada.
-Pero os nenos madrugan moito para ser maiores.
-Hai un paradoxo: hai un acceso precoz dos nenos ao suposto mundo adulto que vemos no consumo de alcohol, drogas, sexo... pero observamos que moitos deses adultos precoces son os que se converten en nenos eternos. As patoloxías prevalentes son as relacionadas coa dificultade do destete simbólico e a separación, todas as relacionadas co narcisismo, cos goces máis autoeróticos primarios, por tanto son patoloxías relacionadas coas dependencias, que hoxe se amplían ao móbil, internet, compras... Vivimos nunha sociedade globalmente aditiva.
-¿Que papel lles queda aos pais?
-Este acceso cada vez máis precoz dos nenos ao mundo dos adultos produce unha desorientación xeneralizada no adulto, nos pais, que cada vez máis nos transmiten aos clínicos que non saben como educar. Os pais teñen problemas para soster a función de autoridade. Ás unidades de saúde mental infanto xuvenil chegan pais con nenos moi pequenos que non son quen de facer bo deles, con conductas oposicionistas, desafiantes...
-¿Que falta?
-Hai un déficit de autoridade, un declive da función materna e paterna. O borramento das diferencias entre neno e adulto trae consigo a adultización do neno, pero aí atopamos a eclosión da violencia infantil e xuvenil. Por que? Porque un neno só pode funcionar ben respecto dun adulto se o adulto recibe as súas demandas dende unha posición de autoridade auténtica, non de autoritarismo.
-¿Xestionamos ben a infancia?
-Hai en certa medida unha desprotección ao tempo que hai un interese crecente polo neno. A falta de autoridade sustitúese polos dereitos dos nenos, que en xeral son un progreso da humanidade, pero hai unha parte que é máis cuestionable: a que di que un neno ten dereito a unha identidade propia, a non cargar cos fantasmas dos pais, cos desexos non realizados, é dicir, un neno libre de toda influencia particularizada familiar, e isto produce desastres. O que comprobamos os psicanalistas é que non hai ningún neno san que non sexa tributario da súa historia familiar e que renunciar ao dereito de influencia deixa ao neno desorientado na vida. Os adultos non deben renunciar á intromisión no mundo infantil, ao seu deber de influencia. Se non, estariamos falando dun neno no limbo, libre de toda influencia, ¡pero inflúelle entón a PlayStation! Ante o declive da palabra da tradición familiar vén o obxecto aditivo, o máis pulsional.
-¿Empeora coa adolescencia?
-Co saber virtual ao alcance dun clic, o adolescente cre que o saber non é algo valioso que ten o outro; é un saber cada vez menos obxecto de admiración e respecto por quen o podía encarnar, sexa pai, profesor... Os nenos escoitan moitas charlas, pero non escoitan a voz dos pais e as súas intencións auténticas, senón un manual de boa crianza igual para todos. Cando iso fracasa, pódese pasar da maior permisividade á rixidez máis absoluta e, entón, o adolescente pide respecto, pero é unha demanda de carácter absoluto, sen destinatario, que acaba en déficit de respecto por si mesmo ao non atopar a outro que lle mereza ese respecto.
-A pregunta é e agora que?
-Os adultos non deben renunciar a desexar algo particular para cada un dos seus fillos, non pensando que por iso condicionan a súa vida. Non se pode subsitituír a historia particular, incluídos os seus dramas e conflitos, por un manual de autoaxuda. Non se trata dunha posición nostálxica, que sería estéril, senón de non renunciar ao que de positivo tiñan algúns elementos do pasado.
manuel fernández blanco psicanalista e relator nas xornadas de saúde emocional
«Quedan poucas persoas maiores... e parece que na política, aínda menos!»
-¿Que nos levou a unha sociedade aditiva e eternizada na infancia?
-Todo isto deriva dun fenómeno que ten que ver cun declive da función do ideal na civilización, un declive que se coñece socioloxicamente como fin dos grandes relatos, que estruturaban a tradición. ¿Cal é a consecuencia? Xa non quedan feitos, só interpretacións, dicía Nietzsche; para o suxeito actual o lugar baleiro dos ideais é colonizado, non por outros ideais, senón polo goce particular de cada un.; isto atopámolo na clínica de nenos e adolescentes. A ética pasa a ser a ética cínica, a do cinismo auténtico, que non quere nada do outro, do social, só o seu goce. Esa prevalencia do goce sobre o ideal é o que condiciona todo este contexto.
-Volvamos á pregunta da súa charla: ¿Quedan aínda persoas maiores nesta sociedade?
-¡Confíemos en que algunha quede! Todo aquel que se responsabilice dos seus actos e das súas consecuencias é unha persoa maior. Entón... quedan poucas e parece que na política inda menos. Vemos que na vida pública case ninguén dimite, non? É unha maneira de ver a ética cínica, é dicir, que a verdade non ten ningún valor, só ten valor a satisfacción e o discurso utilízase para tentar ocultar ou velar o goce particular. Morrer de vergoña sempre foi difícil, pero hoxe parece imposible porque vergoña é sinónimo de estar suxeito a unha ética.
-¿Non hai saída?
-A esperanza é que é posible unha transmisión diferente. Non todo o mundo actúa así; sinalamos a parte problemática, sintomática, para tentar enfocar o que non se debe facer e o que podería axudar a xerar novas estratexias.