Julio Quiroga, produtor de aceite: «Este ano empezamos a recoller un mes e medio antes que no 2016»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

OURENSE

ROI FERNANDEZ

02 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Julio Quiroga é copropietario de Ouro Quiroga, unha das empresas creadas nos últimos anos neste municipio para recuperar a tradicional produción de aceite e sacarlle rendemento industrial. Igual que no resto das áreas produtoras de Galicia, a colleita de olivas en Quiroga vén marcada pola seca. Ouro Quiroga, Adegas Mondelo e Val de Quiroga, as tres empresas con sede na comarca de Quiroga que comercializan cantidades significativas de aceite, sacan á venda cada ano entre 2.500 e 3.000 litros, en conxunto.

-Xa están recollendo a oliva este ano?

-Xa empezamos hai case vinte días, a primeiros de outubro. Ou sexa, un mes e medio antes que o ano pasado. As primeiras en madurar foron as dúas variedades autóctonas, a brava e a mansa.

-Fan aceite unicamente de variedades autóctonas?

-Temos unha liña de aceite só con esas variedades, pero tamén outra plurivarietal feita tamén con arbequina. Estamos dentro da asociación de produtores de aceituna de Galicia, e dentro dese colectivo participamos nun proxecto de investigación a través de fundación Juana de Vega e o CSIC para caracterizar as variedades autóctonas. Esa é a liña pola que apostamos.

-Non é o habitual.

-Non. As oliveiras plantadas estes últimos anos son case todas de arbequina, unha variedade moi consolidada.

-¿Canta superficie teñen plantada?

-Entre catro e cinco hectáreas, pero repartidas en propiedades pequenas e dispersas. Estamos recuperando oliveiras vellas que se encontraban abandonadas nos municipios de Ribas de Sil e Quiroga.

-E como se presenta a colleita nun ano tan seco como este?

-Pensamos que a nosa produción vai ser máis ou menos como a do ano pasado, que rondou os 1.500 litros en total. Pode que incluso sexa un pouquiño maior, porque temos algunha plantación nova que xa empeza a dar. En todo caso, aínda estamos recollendo e non se sabe. A colleita é lenta, porque imos seleccionando en función da variedade de oliva e nas oliveiras hai mestura. A colleita das variedades autóctonas xa a rematamos e agora estamos coas demais. Eu penso que acabaremos a semana que vén. A oliva está vindo en bo estado. Fixéronlle ben as choivas. Non estas últimas, senón as anteriores.

-Venden a oliva que lles sobra?

-Non vendemos, porque nós aproveitámola toda. E tampouco compramos, máis que algunha cousa puntual. O que si facemos é moer por encargo nas nosas instalacións, tanto a propietarios de oliveiras desta zona que queren o aceite para autoconsumo como aos donos das plantacións grandes novas que se fixeron nos últimos tempos e que agora están empezando a producir, sobre todo na provincia de Ourense e nos arredores da Estrada.