«Con moitos usuarios mantemos a relación dende que eran nenos»

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Rosa María Díaz, directora da Biblioteca Nodal de Ourense, explica que o novo edificio de San Francisco terá zona de visionado de cine, máis espazos de lectura e postos de videoxogos

03 feb 2019 . Actualizado a las 10:00 h.

A Biblioteca Nodal de Ourense é unha casa tomada. Os espazos que non están abertos ao público aparecen ateigados de libros, revistas e documentos. O mesmo atopas a toda unha enciclopedia cavilando nun vello sofá de coiro, se cadra ata son dun tempo, que cres ler un título lembrado nos mangados de libros en dubidoso pero certo equilibrio. Kafka e Fernando Fernán Gómez comparten a mesa da directora cunha chea de volumes. Outros, moitos, reclaman os seus dereitos nos andeis do despacho, nas cadeiras, no chan...

A Biblioteca da rúa Concello botaba a andar en 1978 e cando Rosa María Díaz Naya (Bergondo, 1968) chegaba á dirección da mesma en abril do 2013 xa era un espazo afogado. Sen solución no compartido inmoble da delegación de Educación.

-Os índices de lectura baixan cada vez máis. Perden usuarios?

-Ao contrario, cada vez temos máis demanda de libros e contamos con máis usuarios.

-Cal é o perfil tipo do mesmo?

-Diariamente visítannos persoas que veñen consultar as cabeceiras de prensa e as revistas que temos. Logo outras que están a preparar oposicións, estudantes, ou investigadores que usan as nosas salas para traballar. Moitos cidadáns aproveitan a nosa wifi ou o acceso gratuíto a internet dende os nosos equipos.

Ademais, de xeito máis ou menos frecuente, temos usuarios que usan o servizo de préstamo a domicilio, que é o verdadeiro corazón da biblioteca. Con moitos destes mantemos relación hai anos, nalgúns casos dende que eran nenos, e establécense verdadeiras correntes de afecto. E tamén hai usuarios de meses, que dispoñen dun espazo e uns fondos pensados para eles e os seus pais. E na sala infantil, para lectores menores de 14 anos, hai obras adaptadas ás diferentes idades e fanse propostas de animación á lectura e outras actividades.

-Conta cunha previsión para o traslado a San Francisco?

-É difícil contestar a iso porque os trámites administrativos de contratación, o amoblamento e demais necesidades levan o seu tempo. Unha vez equipado levarase a cabo o traslado dos fondos ás novas instalación e, nesa altura, poderemos pensar mellor nunha data. A nosa aspiración sería poder abrir en outono.

-Incorporarán novas prestacións e servizos no futuro espazo?

-O principal é mellorar a atención ao usuario e a comodidade do mesmo. E as novas instalacións son máis axeitadas para os usos bibliotecarios.

-E a oferta?

-As novas instalacións permítennos abrir salas ou seccións que aquí non podíamos: a futura biblioteca contará cun espazo propio para os bebés, independente da sala infantil. Teremos unha zona de descanso para «merendar» e que os pais podan pensar en traer os rapaces sen estar pendentes de saír para darlles de comer. Haberá unha zona para os mozos, máis postos na sección de prensa e revistas, acceso directo á colección de cine e música -que poderán verse alí mesmo nuns postos que se crearán para visionado de cine e para escoitar música-, incrementarase de forma importante o número de puntos de lectura e imos dispor de consolas para videoxogos repartidas pola biblioteca.

-O PSOE pedía a pasada semana que se mellorase a comunicación de autobús con San Francisco.

-Hai que facilitar o desprazamento á zona, reforzando o servizo de autobuses ou mellorando o acceso peonil, a mobilidade e outras fórmulas. Hai que ter en conta que a apertura da Biblioteca e o Arquivo incrementarán a afluencia de persoas e hai que dar resposta a ese novo escenario.

-Auditorio, escolas de Música e Teatro, Biblioteca, Arquivo, claustro, futuro Museo e un cemiterio con categoría de BIC. Será o gran foco cultural da cidade?

- A proximidade permite a interacción con outros centros, sobre todo con estes que son tan afíns en moitas cousas, aínda que a nosa aspiración é poder establecer posibilidades de colaboración con colectivos e institución de toda a cidade e de toda a provincia de Ourense.

Un universo con case 200.000 documentos, 34.000 socios e moitas actividades

Aínda que os espazos de atención ao público son a imaxe coa que se asocia a Biblioteca Nodal de Ourense, a realidade da mesma é un universo descoñecido para a cidade.

-Con que legado contan?

-Temos arredor de 200.000 documentos. Entre eles están unha importante colección de fondo patrimonial (libros e prensa anterior a 1901) e moderno constituído por todo tipo de documentos: libros, revistas, prensa diaria, arquivos de ordenador, videoxogos, audiovisuais (cine en deuvedé e blue-ray) e música en cedé. Temos ademais materiais con menos uso como mapas, diapositivas, vinilos, casetes e videogravacións.

-E o préstamo interbibliotecario?

-Dende a plataforma de préstamo de libro electrónico (Galiciale) ou a Rede de bibliotecas de Galicia -da que formamos parte- ofrecemos outros servizos a maiores. Só esta última danos acceso a un fondo conxunto das seis bibliotecas nodais de Galicia, e a máis de 1.000.000 de documentos.

-A falta de espazo é a gran eiva?

-Non podemos facer algunhas cousas ou organizar certas actividades por non ter sitio. Aquí temos uns 3.500 metros cadrados e na nova biblioteca contaremos con case que o dobre e, o máis importante, con maiores prestacións e posibilidades ao ser un edificio de nova creación.

-Cantos socios contan? E traballadores?

-Temos rexistrados 34.000 socios. O cadro de persoal é de vinte e dúas persoas e para os mesmos os usuarios e a súa satisfacción son o máis importante.

-Que é o máis demandado?

-A narrativa, a novela, é a estrela en todas as bibliotecas. A poesía tamén ten os seus lectores. E consúltase moito libro de historia, dereito, ocio e tempo libre, benestar persoal, oposicións...