Non se rendan

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

28 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se rendan, nunca se rendan. O seu traballo é moi importante. Fagan fotos, graven vídeos, recollan toda a documentación e os datos que poidan, cantos máis mellor, e fágannos chegar o material. Estamos interesados en telos para avalialos e actuar en consecuencia. E non se rendan, porque o seu traballo é fundamental». Así, coma arriba ou abaixo, se manifestou Veronica Mandredi -da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea- no Parlamento Europeo ao coñecer as denuncias dos ecoloxistas galegos referidas á contaminación, vertidos, problemas de saneamento e outros aspectos relacionados cos ríos e as costas galegas.

E ata Bruxelas viaxaron ecoloxistas ourensáns vencellados a tres plataformas, xunto a outros do resto de Galiza, para participar nunha xornada sobre a auga e o cumprimento, ou non, da normativa europea ao respecto na Galiza organizada pola eurodiputada do BNG Ana Miranda. Tiveron que pedir días de permiso, gastalos das súas vacacións, botar unha manchea de horas enredados en autobuses e avións para deixar constancia de como e quen contaminan as cuncas fluviais na Limia, quen rebenta a vida no Támega e o desinterese das institucións -administrativas e de demarcación- en poñerlle nome, e sanción, aos que mataron o Barbaña e niso seguen.

De certo que non eran a nova estrela da xornada -por alí andaba Theresa May pedíndolle papas para o brexit aos líderes europeos, Baltar presentando o termalismo e xogaba a selección belga- máis conseguiron abrir camiño para que empece a mudar o salvaxe oeste medioambiental ourensán. Máis cedo que tarde.