O ourensán Plácido L. Rodríguez amosa no Espazo de Arte Roberto Verino a mostra «No punto de liña»
07 may 2019 . Actualizado a las 08:16 h.Volve Plácido L. Rodríguez (Gomesende, 1954) ao circuíto expositivo. Certo que nunca se foi como tal do mesmo, aínda que nos últimos anos o traballo fotográfico e a súa conversa co público na sala non eran a prioridade. Logo de desenvolver a súa carreira profesional en Madrid, dende comezos dos anos 70, apostou pola volta á cidade na que estudou e na mesma onde tivo unha importante presenza nas mostras do Outono Fotográfico -a Casa da Xuventude e a figura do desaparecido Benito Losada son referencias cotiás para el-. As súas imaxes da India e Nepal amosáronse no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde colgou Arquitecturas da alma no ano 2014, e no Shangri-La ten exposto obras propias e coordinado as mostras que se ofrecían durante o desaparecido festival de fotografía ourensá. Tamén participou nalgunha proposta colectiva e asinou un proxecto en A Coruña.
Chegado ese estado de ledicia no que estás liberado da ditadura dos horarios e as responsabilidades laborais, Plácido L. Rodríguez volve á súa paixón e ao que marcou a súa vida, ás imaxes. No punto de liña é froito do encontro de dous vellos coñecidos: o fotógrafo e Roberto Verino. O último foi o promotor do reto, ao lembrarlle que tiña unha sala na cidade e que desexaba que o Espazo de Arte Roberto Verino acollese o seu traballo. El foise deixando levar, sabendo que ían atoparse de novo e que sería unha cita simbólica: a da volta ao mundo da fotografía como espazo único do que gozar.
No punto de liña amósanse imaxes de diferentes lugares da península -de Galicia hai obras realizadas en Ribadeo, Ourense e As Cíes- e o título simboliza a proposta creativa do autor: nas composicións, paisaxes en branco e negro, os grupos de persoas son observadores e protagonistas. Sen se decatar, e coa vista e o interese nalgún punto fixo, son os retratados os que compoñen as liñas que se trazan nas imaxes de Plácido L. Rodríguez.
«As imaxes foron realizadas nestes dous últimos anos en diferentes espazos e tamén recuperei algunha que fixera hai anos. Cando estaba traballando no proxecto lembreime dalgunha fotografía que se correspondía co que quería facer, e daquela decidín incorporala á mostra». Na documentación de No punto de liña faise referencia ás figuras que se sitúan nesa liña que «vertebra a composición das imaxes que forman a exposición, dando a idea da unión invisible que nos vincula a pesar da noso esforzo por illarnos».
O fotógrafo salienta o obxectivo co que montou o proxecto. «Estas persoas están observando algo, sen decatarse que son eles tamén observados -polo fotógrafo- e que a súa disposición fai que eu descubrise unha liña da propia natureza, ou o escenario onde se atopan, que dialoga coa que crean eles. Aí radica o xogo: entre os que miran e son mirados, o que os observa e a composición resultante. Tamén de aí o título, que é un xogo entre o punto da ollada e o punto da liña», precisa Plácido L. Rodríguez.
Economía e avances técnicos
Neste reencontro coa imaxe, o fotógrafo lembra que o documental, os retratos, os escenarios de pequeno formato e os bodegóns centran as súas preferencias á hora de crear. Recoñécese como «un fotógrafo analóxico que sabe aproveitarse das vantaxes do dixital. Traballo manualmente, pero sen rexeitar as melloras que os novos equipos ofrecen», sinala. Dos vellos tempos -o revelado era caro- quedoulle o método: «Recréome na composición, controlo a luz, o que quero fotografar e logo disparo. Non se trata de facer centos de imaxes».