Francisco González: «O centro penitenciario do Pereiro ten un espírito humanizador»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O director da prisión provincial, na que máis de 300 internos cumpren condena, salienta que a institución está  orientada á reinserción 

23 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco González Pérez, director da prisión provincial do Pereiro de Aguiar desde hai dous anos, leva máis da metade da súa vida -ten 55 anos e é funcionario de Institucións Penitenciarias desde hai 32- traballando neste centro. Logo de pasar por distintas funcións, desde vixiante en interior ata postos directivos, González segue a defender de xeito firme a finalidade da reinserción.

«Non me gusta a palabra cárcere porque dá a sensación de algo cerrado e inhumano, e Pereiro caracterízase polo seu espírito humanizador», salienta.

Na prisión traballan 190 persoas, ocupándose de 308 internos -294 homes e 14 mulleres- dos que a maior parte están cumprindo condena efectiva; corenta son presos en prisión preventiva. A maiores, hai 40 persoas en liberdade condicional e 45 que cumpren condena con control con medios telemáticos (a pulseira). O número total varía, cunha media de 330 reclusos.

-Sempre se destaca O Pereiro como unha prisión enfocada á reinserción. O sistema funciona, polo menos neste centro?

-O noso traballo está orientado á reinserción. É difícil, pois entran moitos factores, pero se teñen sentido as penas privativas de liberdade é pola reinserción, é importante que haxa algo despois. Por iso se traballa individualmente, tendo en conta as súas necesidades e carencias concretas, programando actividades prioritarias e outras complementarias. Só coñezo Pereiro, pero para min é un referente, sempre foi un centro innovador e vangardista. É un centro distinto, que deixa pegada. Non é un centro de castigo. Ten un espírito humanizador polo persoal que traballa aquí e pola estrutura arquitectónica do edificio.

-Cando se encarcera unha persoa, está disposta desde o primeiro momento a facer ese traballo ou haino que encamiñar?

-Hai xente máis convencida de querer dar un cambio a súa vida a outros hai que encamiñalos para intentar recuperalos. As persoas chegan aquí porque cometeron un delito. Ao ingresaren é cando se teñen que plantexar o que queren facer coa súa vida. Hai internos e internas que teñen apoio familiar, outros non, hai casuísticas diferentes. E nós podemos traballar dentro das nosas posibilidades.

-Hai reincidencia?

-Hai xente que só ingresa unha vez e outros que coñecemos no ámbito da cidade de Ourense, que cometen os roubos e son case sempre os mesmos. Pereiro sempre se caracterizou por ser un centro rehabilitador. A todas as persoas que cometen delitos hainos que intentar levar a reinserción aínda que hai perfís complicados e non se dá conseguido. Pero, por exemplo, toda a xente que pasa pola comunidade terapéutica ten probabilidade alta de saír das drogas.

-Cales son os tipos de delitos máis frecuentes no Pereiro?

-O perfil é dun interno de comportamento bastante bo, non conflitivo. Loxicamente, este é un medio cerrado onde conviven persoas de moitas características e pode haber algún conflito, pero non adoitan ser graves. O número de expedientes disciplinarios é mínimo, e a maioría son por actos de pouca relevancia. A maior parte dos internos de Pereiro cumpren condena por delitos contra o patrimonio, como roubos, furtos, estafas; un segundo grupo inclúe tráfico de drogas, seguridade viaria ou incendios; logo sería a violencia de xénero e un cuarto, lesións ou contra Administración de Xustiza. Algúns suman máis dun delito.

-Hai presos locais con delitos graves, como se comportan?

-O comportamento fóra non ten que ver co que teñen ao ingresar. A vida no centro está moi regularizada. Procuramos que os internos sempre estean facendo algunha cousa. Hai xente que se implica máis en actividades e outros lles dá o mesmo todo.

-Teñen carencias no edificio?

-O centro é do ano 1987 e ten zonas verdes e claridade. Os internos poden ver os montes por enriba do muro desde as súas celdas. Houbo reformas recentes nas instalacións. Un dos obxectivos era conseguir a unidade hospitalaria, cerrada desde 2016/17. Estase construíndo con catro habitacións e un posto de control para os corpos de seguridade. Os internos poderán recibir atención hospitalaria adecuada con seguridade para o resto dos pacientes e do persoal sanitario.

«Algún preso viu ao seu fillo recén nacido por videochamada»

O director destaca a profesionalidade dos traballadores do centro, que son, di, quen fan posible que sexa «un referente en valores positivos de reeducación».

-Que programas teñen máis éxito?

-Temos programas de control de agresión sexual, de intervención sobre violencia de xénero, con discapacitados intelectuais, de atención integral a enfermos mentais, de normalización de condutas, para a deshabituación da toxicomanía, de prevención de recaídas, entre outros. Hai programas personalizados de inserción laboral e o preincorpora e para mulleres reclusas. O traballo terapéutico non sería posible sen as organizacións. O de normalización de condutas desenvólvese no módulo de respecto; nestes módulos -en Pereiro hai seis - os internos axudan a que a convivencia dependa deles. Non hai que falar de máis ou menos éxito dun programa, tratamos é de ter unha oferta ampla e variada para enfrontar as carencias dos internos.

-Como lles afecta a pandemia?

-Na primeira etapa, no confinamento, non podía saír ninguén. A Secretaría Xeral estableceu medidas para evitar contaxios. Os internos comprenderon a situación, tiveron bo comportamento e mesmo nos daban as grazas por virmos traballar. A Secretaría Xeral dotounos de teléfonos móbiles para que fixeran videochamadas. Algún viu así ao seu fillo recén nacido. Houbo máis de 3.000 videochamadas; foron moi importantes. Agora as visitas e comunicacións no locutorio están de novo suspendidas e os internos seguen entendendo que son medidas que se adoptan pensando na saúde. Non houbo ningún caso positivo entre os internos. Cada vez que ingresa un novo, ten que gardar a corentena. Entre funcionarios houbo un positivo na primeira onda; desta volta, catro illados por positivos de contactos estreitos externos.