1980: O Ateneo lembraba a Blanco Amor no seu cabodano

La Voz

OURENSE

PILI PROL

Casares, Pilar Vázquez Cuesta e López Cid participaban no encontro

03 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Ateneo de Ourense lembraba á figura de Eduardo Blanco Amor cunha semana de actividades ao cumprirse o cabodano da morte do escritor e xornalista. O ourensán morrera un ano antes, o 1 de decembro de 1979, en Vigo.

Segundo se recollía en La Voz de Galicia «o ourensanismo de Eduardo Blanco Amor e a súa personalidade foi glosada onte nun acto literario que tivo lugar no Ateneo de Ourense, dentro da semana-homenaxe ao escritor desaparecido hai un ano. Interviñeron Pilar Vázquez Cuesta, Carlos Casares e Xosé Luis López Cid».

Casares falou de que Blanco Amor tiña idealizada a súa cidade, polas frustracións experimentadas ao longo da súa vida, e que a mesma lle dera unha «acollida cativa». Pilar Vázquez calificou a autor como «o mellor novelista peninsular», lembrando tamén as súas intervención no Ateneo de Madrid -dirixido por Celso Emilio Ferreiro- e nas Xornadas Galegas da Universidade de Salamanca. A presenza de Ourense na súa obra foi glosada por López Cid. Ese día estaba previsto pasar «La parranda» no Cineclub Padre Feijoo.