En 2016 puxemos a andar un proxecto, bautizámolo como As Letras de Florencio e no nome mesturabamos as dúas grandes angueiras que perseguiamos. Por unha banda difundir e actualizar a figura de Florencio Delgado Gurriarán dentro e fóra de Valdeorras e por outra facer unha nova tentativa para que a homenaxe das Letras Galegas lle fose concedida. Neste proceso fun afondando na figura deste poeta e no meu maxín foise formando unha imaxe. Esta imaxe froito das lecturas, das fotografías e dos testemuños sobre el conformaron unha idea, unha poesía, un home, un Florencio, o meu Florencio. E sobre ese Florencio quero falar hoxe. Quero falar do Florencio que se achega ao ideario das Irmandades da Fala e ao Galeguismo porque o seu respecto e admiración pola nosa tradición, pola nosa cultura e pola nosa lingua non podía senón derivar nun compromiso coa terra. Entendo este feito como o punto de partida e a razón do devir deste personaxe, o que marcará a súa escrita e o seu compromiso político e social.
A nivel poético o compromiso coa terra e a tradición lévao a Valdeorras, colocando a súa paisaxe como protagonista absoluta dos seus primeiros escritos. No seu primeiro libro, Bebedeira, atopamos trazos sensoriais e evocadores da cosmogonía valdeorresa coa viña e o viño de forma protagonista; a máis dos efectos da bebedeira ou borracheira que nos trasladan a un mundo onírico. A segunda etapa poética é consecuencia do novo momento vital do autor, o exilio mexicano. Os escritos froito deste tempo están inzados de aromas mexicanos e da mestura que desa esencia fixo coa veneración e o recordo da súa terra, abre con esta nova tendencia un novo discurso poético ponte entre os dous mundos que inaugura no libro Galicia Infinda. Porén hai unha liña temática no seu traballo que creo que é a máis descoñecida, trátase da súa poesía social e reivindicativa na que as críticas ao ditador se mesturan con notas de retranca, un trazo que tamén utiliza para ridiculizar ás xente das aldeas que tentan abandonar o uso da lingua galega por prexuízos sociais e lingüísticos. Mais este ton desaparece para falar dos horrores da guerra e para despedir aos compañeiros perdidos na loita, facendo belos panexíricos a todos eses homes que ao seu lado tentaron manter a orde e o goberno republicano e que lamentablemente perderan a vida niso. Moitos destes escritos atopámolos no Soño do Guieiro; dedicado ao seu guieiro, Castelao.
A nivel social e político o seu compromiso coa terra levouno a traballar do lado do Partido galeguista e a defender esta terra e esta cultura por riba de todo. Un fito que sempre chamou a miña atención foi a xenerosidade e responsabilidade que demostra co feito de regresar a España durante a guerra unha vez que lograra escapar de Galicia a Francia. Este feito para min, amosa a calidade do home que estamos a postular como homenaxeado nas Letras Galegas do 2022.
Mais sempre me resultou moi curioso o atraente que pode resulta esta figura, dalgunha maneira e por moitas outras razóns que as esgrimidas arriba, Florencio vaise transformando en parte dun cando un se achega a el. Florencio vai “enganchando” e agora xa non me sorprende escoitalo de colaboradores que quedan enfeitizados co personaxe aos poucos de afondar no seu coñecemento. Este sentimento é o que queremos contaxiar coas Letras de Florencio e amosar todo o que o poeta garda. De seguro que non é o único merecente desta honra, de seguro que haberá outras ou outros escritores tamén merecentes; porén este é o noso, o noso poeta o que representa a Valdeorras.
Déborah Álvarez é a directora do proxecto «As letras de Florencio»