O Ribeiro Land Art encherá a comarca de accións culturais durante a fin de semana

La Voz

OURENSE

Cedida

Ribadavia e Berán, en Leiro, acollerán as actividades da primeira edición do festival

24 jun 2021 . Actualizado a las 14:03 h.

O Ribeiro Land Art, que promove a artista Rebeca Ponte, encherá de actividades a comarca durante os días 25, 26 e 27. O venres, ás 20.00 horas, abrirase o festival no Museo do viño de Galicia. Alí presentarase o Camiño do viño e poderase gozar da performance «A psicose de Geisha», de Nichichanilimoná, co percursionista Carlos Barral e a artista Adriana Paulos. O sábado arrancará a xornada na capela de San Roque (Leiro) cun encontro con viticultores seniors e protagonismo tamén para a arquitectura tradicional (10.00 horas). No monte comunal de Berán haberá actividades todo o día: comezarán ás 11.00 horas con intervencións artísticas de Land Art -Colección Andante, Mamen Bazarra, 49 Razones e Rebeca Ponte- e cunha charla sobre arquitectura barroca. Media hora máis tarde serán os membros da Asociación Camiño Miñoto Ribeiro os encargados de impartir a conferencia sobre o Camiño de Santiago e O Ribeiro. Ás 12.00 hora serán David Barra, de Ridimoas, e José Aquilino, presidente do monte comunal de Berán, os encargados de guiar a exposición sobre a conservación do patrimonio forestal. Media hora despois Javier García (editorial Vulcano) disertará sobre os escritores do bosque -o movemento internacional Nature Writting-. 

Pola tarde as actividades serán nas antigas escolas de Berán. Para as 17.00 horas está programado un concerto de ópera e zarzuela a cargo de Loli Crespo e Alejo Amoedo, soprano e pianista respectivamente. Para as seis da tarde está prevista unha ruta por Ridimoas que estará guiada por David Barra. Á mesma hora poderase participar nunha charla-obradoiro sobre arte e natureza que correrá a cargo de Rebeca Ponte. Intervencións de Land Art e concerto de Xan de Verín comezarán ás 18.30 horas e, de seguido, haberá outra sesión artística e danza contemporánea, con Carlota Pérez e Jordi Cortés. Rematará a xornada cunha acción artística de 49 Razones e o concerto da cantautora AstroGirl. 

Para a xornada de clausura da primera edición do Ribeiro Land Art o festival volverá ao Museo do viño de Galicia. Alí haberá o día 27, ás 10.00 horas, unha visita guiada ás instalacións do museo. E para as 11.00 horas proponse a «Ruta de viticultores con arte do Ribeiro», unha ruta polo territorio e o patrimonio vitícola na que se parará en varias adegas e viñedos.