Vázquez Taín achégase á realidade da peregrinación con «O Camiño Mozárabe. Sangue, suor e fe»

La Voz

OURENSE

Vázquez Taín, en la presentación de su último documental.
Vázquez Taín, en la presentación de su último documental. Santi M. Amil

O xuíz e escritor presentou o seu documental no Teatro Principal

10 mar 2023 . Actualizado a las 20:22 h.

O Teatro Principal acolleu a estrea do novo proxecto audiovisual do xuíz e escritor José Antonio Vázquez Taín. Como fixera o pasado ano co traballo que presentou no OUFF, e que ía sobre as primeiras peregrinas a Compostela, desta volta Taín pon de novo o foco sobre a tradición xacobea co documental «O Camiño Mozárabe. Sangue, suor e fe». Na presentación da obra o xuíz agradeceu a colaboración das institucións que apoiaron o proxecto, Deputación de Ourense e Xunta de Galicia, e as facilidades para desenvolver o seu traballo que lle deron todos os alcaldes dos concellos por onde pasa o trazado da Vía da Prata-Camiño Mozárabe para realizar a gravación. 

«O Camiño Mozárabe. Sangue, suor e fe» constrúe, segundo se destacou dende a institución provincial, un «relato audiovisual en formato documental que enxalza a memoria deste roteiro ancestral, abordando os roteiros de peregrinación ademais de afondar no intercambio de culturas e o comercio entre o sur e o norte da Península Ibérica». O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, destacou a traxectoria profesional e vital de Vázquez Taín -lembrou que el era alcalde da Merca cando o xuíz era un adolescente- e o esforzo que levou adiante durante dous anos para sacar adiante o documental.

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, agradeceu a aposta do promotor do documental por espallar a tradición dos camiños a Compostela, calificou esa realidade -a da peregrinación- como «a mellor postal de Galicia» e asegurou que traballos como o de Vázquez Taín son «fundamentais para seguir potenciando o Camiño de Santiago».