Os novos xuíces honorarios do Couto Mixto reivindicaron un mundo sen fronteiras
OURENSE
Fernando Venâncio, Ángeles Huerta e Mario García recibiron as chaves que lembran as que portaba os homes de acordo
02 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Os Amigos do Couto Mixto nomearon novos xuíces honorarios na igrexa de Santiago de Calvos de Randín. Desde o 2000, a asociación premia o traballo de personalidades ou organizacións que destaquen no seu labor cultural e etnográfico e entréganlles, simbolicamente, unha chave que lembra á que portaban os homes de acordo. O escritor e académico portugués Fernando Venâncio, a directora de cine Ángeles Huerta e o deputado Mario García sumáronse a este ano á lista.
Fernando Venâncio foi nomeado pola la transcendencia do seu estudo Assim Nasceu uma Língua na reivindicación da lingua galega como eixo fundamental do idioma portugués. Aínda que non puido asistir ó acto por motivos persoais, enviou un escrito no que subliñou o honor e o compromiso que supón ser nomeado xuíz. Da directora de cine Ángeles Huerta, doutora en literatura comparada pola Universidade de Oviedo, destacaron a súa ultima película O corpo aberto, baseada nun relato do escritor Méndez Ferrín, na que recrea unha trama ambientada na fronteira galego-portuguesa, nas aldeas de Tourem e Pitoes, na Freguesía de Montalegre e nos concellos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín. Nela, sinalan desde a asociación, «reivindica o paganismo rural que existe en Galicia e Portugal, dúas terras que comparten formas culturais e que se perpetúan nun mundo globalizado a través da súa cultura popular». A directora asegurou estar emocionada pola distinción que dixo era para todo o equipo que fixo posible a película e para os veciños que participaron nela. «O corpo aberto é un cine de fronteiras, fala do divisorio, dos límites que delimitan as nosas identidades. Di que a fronteira é algo imaxinario. Non hai fronteiras, como din as Tanxugueiras, entre Galicia e Portugal, entre o masculino e o feminino ou entre os vivos e os mortos», sinalou.
O terceiro nomeamento foi para Mario García, deputado do PSC en Cataluña. Naceu en Calvos de Randín e defendeu a identidade do Couto Mixto como territorio singular en Galicia no foro institucional do Parlament. «Síntome orgulloso de estar aquí, na miña casa. As identidades son compartidas e as fronteiras non existen se non existen no corazón das persoas. Esta é a mensaxe que Galicia enteira traslada ó mundo. É un exemplo de identidade compartida. Temos que recuperar o noso orgullo, alí onde eu vaia proclamarei que son arraiano», concluíu.