As librarías Eixo, Káthedra e Tanco acollerán os encontros do festival
22 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Días 22, 26 e 28 de setembro • 20.00 e 19.30 horas • Librarías Eixo, Káthedra e Tanco • O Festival de Cine Internacional de Ourense vai avanzando actividades como propostas previas ao certame, que se celebrará na cidade do 29 de setembro ao 8 de outubro. A pasada semana o OUFF abría ao público a mostra fotográfica «Series», de Chema Prado, e para os próximos días están previstos varios encontros en librarías da cidade vencellados con obras relacionadas co audiovisual. Unha faceta, a dos libros de cine, que o certame está potenciando nos últimos anos.
Os encontros comezan esta tarde coa presentación da obra «Alfred Hitchcock: el niño que filmó el miedo», de Nuria Díaz. A ilustradora galega, a través dun exhaustivo traballo de investigación e cunhas ilustracións cheas de arte, fai unha homenaxe única ao cine e ás películas. A cita é ás oito da tarde na libraría Eixo.
A segunda entrega dos «Encontros literarios do OUFF» será o día 26. Para esa data a obra escollida é «Grábalo todo: historia del found footage», de Andrés R. Paredes. Ese día, a partir das sete e media da tarde, falarase deste traballo que incide nas orixes deste estilo e analiza películas e franquicias que xa pasaron á historia. A sesión será en Káthedra. O 28, en Tanco e á mesma hora, o ciclo pecharase coa obra «A expansión do documental a través das curtametraxes de Joris Ivens (1898-1989)», de Severiano Casalderrey.
Exposición na Nós
Na Biblioteca Nós teñen montada unha mostra sobre o OUFF. Xunto ao cartel desta edición —de Mon Devane— figuran libros, catálogos, carteis e outros materiais de edicións dos últimos anos do festival.