Redrum Teatro trae ao Fetega do Carballiño o problema do acoso escolar

La Voz

OURENSE

Barafunda abriu o programa do Fetega 2023
Barafunda abriu o programa do Fetega 2023 MIGUEL VILLAR

A compañía representa no Auditorio Manuel María «O pequeno poni»

14 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Días 14, 15 e 16 • 20.30 horas • Auditorio Manuel María • O Carballiño • O Festigal de Teatro Galego xa está a pleno rendemento e comeza este xoves coas súas sesións en horario de tarde, logo dunha primeira xornada con representación en sesión matinal. O protagonismo na cita inaugural foi para Barafunda e os nenos do Carballiño, que acudiron ao Auditorio Manuel María para ver a montaxe «Antón, un neno diferente».

O espectáculo de Barafunda ten como obxectivo, entre outras cousas, destacar valores como a tolerancia, o respecto pola diversidade, a visibilidade dos efectos do acoso escolar e, sobre todo, a necesidade de afrontar obstáculos e acadar os obxectivos que nos propoñemos. 

Protagonista infantil, aínda que nunha obra para o público adulto, será o desta tarde. Ao Fetega chega Redrum Teatro e faino coa súa montaxe «O pequeno poni», unha obra con dramaturxia de Paco Bezerra e dirección de Álex Sampayo. Guillermo Carbajo e Laura Míguez son os protagonistas.

 

Luismi, de dez anos, vai a clases cunha mochila da súa serie de debuxos preferida: «O meu pequeno poni». Esa inocente decisión fai que sexa o centro das burlas, vexacións e da violencia máis brutal dos seus compañeiros. Redrum aposta coa montaxe, baseada sobre un feito real, por visibilizar unha realidade —a do acoso escolar— que cada vez está máis xeralizada. «As damas de Ferrol» e «Testosterona» estarán no Fetega os días 15 e 16.