O Liceo de Ourense lembrou ao artista no ano do centenario do seu nacemento
22 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O 5 de abril El Cercano celebraba un acto para lembrar a Xosé Conde Corbal (Pontevedra, 1923 - Vilagarcía de Arousa, 1999). Ese era o día no que se cumpría o centenario do nacemento do pintor e familiares, amigos, admiradores e coñecedores da súa obra coincidiron na necesidade de que Ourense reivindicase a súa figura, a etapa ourensá e o seu papel na historia da arte en Galicia. Naquel encontro sinalouse que se botaba en falta que Conde Corbal non tivese unha rúa, unha praza ou calquera outro espazo público co seu nome e tamén que se estaba a ultimar unha páxina web sobre a súa figura e a súa obra. Nuria Carballo era a encargada de facer realidade ese proxecto.
Xavier Villaverde tamén erguía a bandeira na presentación do seu documental sobre María Casares no OUFF. O director incorporou no seu traballo imaxes do «Fardel da guerra» de Conde Corbal.
O Liceo dedicoulle este mércores unha das citas do seu ciclo «Recordando a...» e o sentimento de inxustiza da cidade e das institucións cara á reivindicación do artista foi unánime. Delfín Caseiro lembrou a etapa ourensá de Conde Corbal e no encontro nomeáronse iniciativas ou aspectos como os seus retratos dos persoeiros da Xeración Nós, a súa relación con Risco e amizade cos intelectuais daqueles anos —Otero, Cuevillas, Ferro, Xocas— ou proxectos como o «Ourense perdurable» (1961) e o «Ourense monumental» (1964). Armando González lembrou a etapa na que o artista viviu na cidade a finais dos anos 70 e as anécdotas daquel tempo no que el era un dos asiduos visitantes do estudio do pintor. Recolleu a reivindicación xa coñecida para poñerlle espazo concreto: para el debería levar o nome de Conde Corbal o tramo onde estaba o seu lugar de traballo: a rúa entre Paseo e Bedoya —no parque de San Lázaro—.
Ana María Conde, filla do artista, centrou a súa intervención en amosar os diferentes apartados da web —condecorbal.com— e a crítica Mercedes Rozas fixo unha análise do seu traballo. Lembrou que Conde Corbal ten a súa páxina na historia da arte de Galicia, que foi un pintor serodio, repasou a características que definen o seu traballo como artista, referiuse ao expresionismo da súa obra e á influenca de Valle Inclán na súa obra. De xeito máis que evidente nun dos seus proxectos senlleiros, como a colección do «Fardel da guerra».