Cesáreo Sánchez Iglesias: «Antón Tovar terá o seu día das Letras Galegas, é máis que merecido»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Cesáreo Sánchez Iglesias
Cesáreo Sánchez Iglesias PACO RODRÍGUEZ

O escritor destaca o descubrimento de Luísa Villalta por parte da xuventude

19 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda estes días ás présas Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín, O Irixo, 1951). Percorre o país para participar en encontros, debates, presentacións ou roteiros centrados na figura e na obra da que foi compañeira de xeración e de moitos proxectos e aventuras culturais: Luísa Villalta (A Coruña, 1957 - 2004). As imaxes daqueles poetas e escritores novos —Villalta, el, Xosé Ramón Pena, Ramón Nicolás, Alcalá...— en encontros en Euskadi e noutros actos dan conta de inquedanzas e angueiras compartidas. O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) considera que as Letras Galegas deste 2024 servirán para reivindicar e actualizar a figura dunha autora con plena vixencia e que foi unha precursora nos traballos que desenvolveu.

—O 17 de maio consegue reivindicar aos autores ou todo esmorece logo da celebración?

—No caso que nos ocupa vai ter un gran percorrido e unha recuperación necesaria para Galicia. É unha celebración fermosa porque a xente vai descubrir a un ser excepcional e luminoso. A pesares da súa xuventude, Luísa Villalta deixou unha obra ampla, madura e moi diversa. E non só como proxecto persoal, senón entroncada nunha visión de país e no acervo cultural, social e mesmo político dos anos 80. Dende o seu posicionamento contra o xenocidio palestino aos seus artigos en prensa. Vinte anos despois do seu pasamento está a ser descuberta polos máis novos, que se atopan cunha autora de plena vixencia e actualidade. E a diferenza doutros escritores que protagonizaron as Letras Galegas, lonxe de ir a unha biografía pechada e ríxida hai unha aberta e con moitas achegas.

—Que destacaría do seu legado?

—Todo o facía ben. Unha obra como a que creou, coas fotos de Maribel Longueira, sobre O Papagaio só a podía realizar ela. Como violinista era marabillosa —aínda que chegou o momento de decidir e decantouse pola escrita— e xunto aos seus maxistrais libros de poesía están as achegas de teatro, ensaio... ata se adiantou ao seu tempo nunha problemática escolar. Na súa condición de profesora xa advertía no seu momento sobre o que estaba a pasar coa xente moza e a televisión, como agora sucede coas tabletas e a internet.

—Nos últimos anos téñense escoitado voces críticas coa escasa presenza de autores ourensáns na xornada.

—Ourense sempre foi unha cidade moi culta, aí están os escritores que ten dado, e cunha actividade salientable a nivel creativo. Certo é que non está no seu mellor momento, como é sabido, pero iso debe mudar. É unha faceta a recuperar.

—Entre as alternativas que se barallan figura a de Antón Tovar. Cre que chegará o seu día?

—Si. É cuestión de tempo pero estou certo de que así será. Antón Tovar terá o seu Día das Letras Galegas, é máis que merecido e Galicia debe reivindicar unha obra coma del, o seu talento e sensibilidade. As institucións terán que sumar esforzos para xestionar a súa candidatura como se merece. Antón Tovar será un ano destes protagonista do 17 de maio. Estou seguro.

—Pura e Dora Vázquez son outras figuras a reivindicar?

—E dignas merecedoras da mesma celebración e recoñecemento. Unhas Letras Galegas servirían para dar a coñecer a obra de Pura e Dora Vázquez, un legado de moito mérito que aínda non está valorado e espallado como se debería. En tempos duros e escuros foron quen de facer un traballo importante e de gran valor. O seu legado forma parte dos alicerces que teñen dado como resultado a gran tradición e recoñecemento que está a ter a literatura infantil e xuvenil, tamén a poética, galega. E ese gran e valioso traballo a reivindicar fixérono dende o silencio e a humildade. Nós, na AELG, dedicámoslle unha homenaxe —os da letra «E», de escritor— e quedou recollido nun monólito, que levaba un poema de cada unha delas. O Concello de Ourense retirouno no seu día, seica para reparalo ou limpalo, e nunca volveu ao seu lugar.

—E quedou así a cousa?

—Hai tempo que pasou aquilo e realmente ninguén nos deu unha explicación. Teremos que volver a preguntar pola peza.

«Queremos realizar os nosos roteiros por Ourense porque ten moito potencial»

Á súa faceta profesional e de escritor, Cesáreo Sánchez Iglesias sumou a de editor e mesmo cando exercía como responsable da liña editorial de A Nosa Terra publicou a Luísa Villalta. Unha actividade que reivindica e un sector para o que cre se deberían canalizar un maior volume de axudas por parte da Xunta.

—O conselleiro de Cultura vén de propor no Parlamento de Galicia un pacto polo idioma.

—Gustaríame que así fose, pero para iso terían que mudar unha serie de cousas que están aí. Editores, libreiros e outros representantes estabamos na Mesa do Libro e abandonamos a mesma porque as nosas propostas sempre caían no esquecemento. Hai moito que cambiar: fai 18 ou 20 anos publicabamos 2.000 libros ao ano. Hoxe estase na metade. A industria editorial son postos de traballo e debería ter o mesmo apoio que lle dan en Cataluña ou Euskadi, xa non digo en Europa.

—Fixeron roteiros por varias provincias galegas. Por que non o fan en Ourense?

—É unha eiva que está aí, mais non por culpa nosa. Queremos realizar os nosos roteiros pola provincia de Ourense porque ten moito potencial e hai autores, de todos coñecidos, cun gran percorrido para iso. Otero, Blanco Amor, Curros, Risco, Cuevillas, Losada Diéguez... un abano moi amplo. En varias ocasións propuxemos o proxecto ás institucións, mais nunca contamos con apoio para facelos. Ao longo deste ano vaise realizar en Ourense un obradoiro sobre mulleres escritoras, a cargo de Arancha Nogueira, e ela tamén desenvolverá un roteiro pola cidade.

—Cre que mudará a situación?

—Teño a esperanza de que así sexa. Como sinalei, Ourense sempre foi unha cidade moi culta e debe recuperar o seu papel en Galicia. Non vive o seu mellor momento nese aspecto, pero entre todos podemos conseguilo.

Os camiños das Terras de Maside, Avantar, as viaxes e a poesía

Aínda que nado en Dadín (O Irixo), o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega reivindica sempre a súa condición de masidao: «O do nacemento foi circunstancial, por meu pai, pero aos poucos meses xa estaba vivindo en Maside».

Formado en Madrid como arquitecto técnico, cursou estudos de Socioloxía e Ciencias Políticas. De volta en Galicia estableceuse en Lugo —unha pequena tempada— e logo xa se foi para A Coruña. E alí segue medio século despois. A literatura foi sempre de par del e xa en 1978 publicaba Silencios e conversas de inverno (Editorial Celta). Os seus poemarios teñen acadado varios premios, entre outros o Losada Diéguez do 2014 polo seu libro Caderno do Nilo. Participou, fundou ou foi responsable de varias agrupacións culturais e tiña formado parte dalgunhas directivas da Asociación de Escritores en Lingua Galega antes de acceder á presidencia da AELG no 2005.

Polas lembranzas de hai anos camiñan os tempos idos. «Sempre volvía polas vacacións e as Terras de Maside e O Carballiño eran a vida daqueles anos. Percorrer os camiños —están aí, na miña obra—, ir ás festas e ás verbenas —sempre lle digo a Xurxo Souto que cando era rapaz fun escoitar a Pucho Boedo e Os Tamara— e gozar dos amigos eran o meu mundo. En todo o que escribo está o simbolismo de Maside e O Carballiño, e os que eu chamo os camiños meridionais». Daquela etapa data Avantar, agrupación que está a celebrar os seus 50 anos de historia: «Estaba fóra, pero cando viña sempre participaba nas iniciativas que se desenvolvían. Alí estabamos todo o grupo. César Varela, Felipe Senén López, Francisco Romero, Xurxo Fernández e moitos outros».

A Maside volve un par de veces ao mes. «Temos a casa da nai e sempre hai cousas que facer. O outro día había que fresar. E sempre gozo dos paseos polos soutos, os bosques e as carballeiras».

Viaxeiro constante, os últimos poemarios están vencellados con esa realidade —Caderno do Nilo, As bolboretas do Mekong e A árbore que dá as lágrimas de Shiva—. A próxima entrega xa está de camiño: «Será sobre a realidade cultural de Xapón e a poesía que me formou. Alí hai un culto importante á natureza, algo que comparten con nós».