Hai uns días La Voz de Galicia, na sección de Cultura, publicou un interesante artigo de Ramón Nicolás titulado «Celso Emilio Ferreiro, o lume que alampea no seu 45º cabodano», no que, entre outras consideracións relacionadas co poeta celanovés, dá conta da homenaxe que se lle tributou no tristemente desaparecido hotel Roma de Ourense en 1966, antes de partir cara ao exilio en Venezuela.
No pé da foto que acompaña o artigo pódese ler: Celso Emilio —na imaxe, sentado á esquerda— na homenaxe de despedida que en 1966 lle tributaron en Ourense no hotel Roma; Otero Pedrayo e Alonso Montero, sentados á dereita. A información é correcta pero incompleta, xa que na foto aparecen cinco persoas máis. É certo que os nomeados son os máis relevantes, pero non por iso debemos esquecer os demais.
Como queira que hai xa uns anos colaborei co compañeiro de De Ruada Xaquín Vales na identificación de tódolos fotografados, penso que é interesante dar a coñecer as súas identidades para que non sigan a ser os invisibles do acto. A muller que está sentada entre Celso Emilio Ferreiro e Ramón Otero Pedrayo é Consuelo Carid Vázquez, a dona do mestre e avogado galeguista Amadeo Varela Rodríguez, amigo do poeta —co que coincidiu na fronte de Asturias durante a guerra civil— e presidente da comisión organizadora da homenaxe. Os que están en segundo plano —de pé e de esquerda a dereita— son: o gaiteiro, zanfonista, tenor e actor Virxilio Fernández González, un dos fundadores do Coro De Ruada; José Gallego Aguiar Chuti, membro histórico de De Ruada, onde cantaba na corda de baixos e tamén tocaba a pandeireta; Gonzalo Pardo, director da oficina do Banco Pastor do Paseo e colaborador ocasional con De Ruada como monologuista afeccionado e José Pérez Díaz Lucho, histórico tenor de De Ruada.
En 1966, De Ruada estaba a pasar por unha fonda crise debido a que Manuel de Dios deixara a dirección para rematar os seus estudos de Filoloxía Románica e a Coral levaba sen apenas actividade dende 1964.
Porén, como se pode ver, varios dos seus membros máis representativos acudiron a esta homenaxe que, ademais, tivo un carácter reivindicativo e de protesta pola construción do encoro de Castrelo de Miño, pero esa é outra historia…