José Freiría: «Haberá algunha sorpresa no concerto do Teatro Principal»

x. m. r.

OURENSE

Habitación Vudú
Habitación Vudú Cedida

Habitación Vudú presenta este venres «Levantarse», o seu novo traballo

07 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Habitación Vudú está de volta e este venres, a partir das nove da noite, ofrecerán un concerto no Teatro Principal. As entradas están á venda en Ataquilla.com e na billeteira do propio espazo cultural da rúa da Paz. Non foi este un bo ano para o grupo —en xuño finaba de forma repentina Rubén Seoane, o baixista da formación— e esa circunstancia aparece reflectida no título do seu novo traballo. Falamos con José Freiría. 

—O concerto forma parte do Tour 2024. Cal será o percorrido do mesmo?

—O primeiro dos concertos será o de Ourense e logo pasaremos por Vigo, A Coruña, Lugo e Madrid, onde tocaremos o 14 de decembro.

—Hai uns meses anunciaron novo disco para o outono.

—Na cita do venres presentaremos o traballo «Levantarse», que conta con cinco temas, e esa será a novidade da convocatoria. Esas cancións, xunto con temas dos proxectos anteriores e algo máis serán a base da nosa actuación.

—Que quere dicir «algo máis»?

—Haberá algunha sorpresa no concerto do Teatro Principal. Obviamente non podo dicir de que se trata, porque senón xa non sería sorpresa. Só apunto que será algo moi especial.

—Un título significativo.

—É evidente. Este foi un ano de merda para nós e agora temos que levantarnos e tirar para adiante.

—Con que formación estarán en Ourense?

—Os do grupo —José e Justo Freiría xunto con Richi Roales— e tocarán con nós Juan de Dios Martín —o noso produtor e ademais guitarrista— e ao baixo contaremos con Marta Toro.

—Volverán á ruta de festivais?

—O primeiro agora é promocionar este EP —e niso creo que imos ter sorte e unha maior acollida agora que traballamos con Blanco y Negro Music— e logo volver a ter presenza no circuíto dos festivais de música.