A renovadora do fado que fixo dúo con Rodrigo Cuevas canta en Ourense os versos de Camões
OURENSE
Lina chega á cidade das Burgas dentro dunha xira que a levou a París e Bélxica e coa que irá a Estocolmo, Lisboa, Porto, Viena e Zürich
13 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Conta Lina que ela medrou escoitando ao seu pai cantar fado. Na súa casa a música tradicional sempre estivo presente de maneira activa, mais ela nun primeiro momento apostou pola lírica. Unha mestra que lle dixo que se quería pechar os ollos ao cantar tiña que pasarse ao fado foi un sinal máis de que aí estaba o seu estilo.
«Os fados son antigos, pero eu aposto por renovalos e darlle unha nova identidade con novas sonoridades», relata. Confesa que meter un teclado como acompañamento no canto da guitarra portuguesa que manda a tradición é todo un desafío, «pero é a nosa forma de crear música e é importante que fagamos o que nos gusta». Cre que esa renovación axuda tamén a chegar á novas xeracións. «Hai moitos músicos novos tocando e cantando moi ben. O fado tense convertido en algo viral e iso é moi bo, porque garante que vai durar e iso acaba por facer que a tradición non morra».
Ela é unha renovadora convencida e por iso hai un meses fixo un dueto con outro dos renovadores da música tradicional, neste caso do outro lado da raia. Lina e o asturiano Rodrigo Cuevas suman voces en «O que temo e o que desejo». Agora está inmersa na xira de presentación de «Fado Camões», o seu novo disco, no que pon música aos versos do poeta do século XVI. «Procuro facer cada disco cun concepto diferente», relata. Para cantar ao clásico da literatura lusa faise acompañar da guitarra portuguesa de Pedro Viana e do piano de Ianina Khmelik, que se encarga tamén dos sintetizadores.
A xira coa que chega a Ourense levouna antes a París e Bélxica e con ela irá despois a Estocolmo, Viena e Zürich. Tamén ofrecerá concertos en teatros de Oporto e Lisboa, cidade esta na que tamén é posible escoitala de cando en vez nun club de fado. «É un sitio no que levo cantando moitos anos e somos familia. Ademais, para min é importante a práctica, porque a voz é un músculo que hai que entrenar».
A de mañá será a súa primeira actuación en Ourense. En Galicia xa puideron escoitala en directo na Illa de San Simón e en Santiago de Compostela.
O concerto será o xoves ás 20.00 horas no Teatro Principal de Ourense. As entradas poden conseguirse de maneira anticipada por 15 euros (20 na billeteira).