O baile e a música tradicional inician os trámites para ser Ben de Interese Cultural
OURENSE
O Diario Oficial de Galicia publicará o luns a incoación do expediente e a Xunta estima acadar o recoñecemento no 2025
24 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hai seis anos que comezou o intento de conseguir que o baile e a música tradicional de Galicia fosen catalogados como Ben de Interese Cultural ( BIC). A primeira vez non se conseguiu pero nin os colectivos ni a Xunta deixaron de traballar para que fose realidade. O próximo luns empeza por fin o camiño final. O Diario Oficial de Galicia publicará a incoación do expediente para abrilo ás consultas e alegacións do público. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou este sábado en Ribadavia que esperar rematar todo o proceso no 2025. Así unha parte vital do patrimonio inmaterial galego poderá reforzar a súa conservación e protección.
A Xunta de Galicia escolleu a localidade ourensá de Ribadavia para dar a coñecer o «anuncio histórico» que dará ao baile e a música a importancia que merece. No 2018 xa se comezara o expediente para que o baile galego fose BIC, sen embargo, polas alegacións de máis necesidades, modificacións en cuestións técnicas ou de nomenclatura así como a demanda da relevancia que debía ter a música, decidiuse paralizalo.
O expediente é dunha complexidade importante xa que abarca un patrimonio moi difícil de definir. Como explicaron José López Campos e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, este tipo de recoñecemento abarca «expresións ou coñecementos que posúen as comunidades e individuos e que o entenden como seu», o cal é complicado de acoutar.
Desta segunda vez, realizaron un «documento integrador» tendo en conta sobre todo aos portadores que día a día dedican a súa vida a conservar o baile e a música. Son os mestres, agrupacións, bailaríns ou cantantes que quedaron recollidos no escrito e que axudaron a delimitar o patrimonio. Ademais, o expediente contén outra parte de especial relevancia como son as «medidas de salvagarda». Como apuntou o alcalde de Ribadavia, César Fernández: «É un paso importante para conservar o patrimonio e esa é a función das administracións».
O baile e a música son unha herdanza de séculos que define aos galegos, cunha estreita relación tamén co idioma, como puntualizou López Campos. O luns publicarase no DOG a incoación do expediente para someterse a consulta pública e ter en conta alegacións e propostas. O conselleiro de Cultura estima que nuns seis ou nove meses o proceso estea finalizado e ao longo de 2025 sexa unha realidade a declaración de BIC. López Campos lembrou que coincidirá no ano no que a Real Academia Galega dedica o 17 de maio ás cantareiras.