Camilo, un home forte ao que non freou unha enfermidade rara que paralizou o 93 % do seu corpo
OURENSE

O seu sobriño Jorge Quintana despídese cunha emotiva carta
10 abr 2025 . Actualizado a las 16:59 h.Camilo naceu en Vilar de Flores en 1944 nunha familia humilde. Ós nove anos unha enfermidade rara (artrite dixeron os médicos no seu momento) paralizou a mobilidade do 93 % do seu corpo deixándoo tombado para sempre nunha cadeira de rodas, coa mobilidade suficiente nos brazos para poder comer, beber e escribir ou ler sen axuda. A pesares disto, foi quen de superar tódalas adversidades, sacar unha carreira e encherse de coñecemento a través da súa insaciable curiosidade. Sempre atento coa familia, xeneroso, bondadoso, sempre axudando, mercando regalos e xogando cos seus sobriños, facendo de psicólogo e amigo ou levando as contas de diferentes familias. Sempre disposto a axudar pero o máis importante é que sempre o fixo cun sorriso, nunca tivo unha mala palabra cara ninguén, nunca un enfado, unha protesta. Vaia autocontrol e personalidade fóra do común! Como non se ía gañar o respecto e admiración de todo o mundo!
Eu non son capaz de concibir unha vida sen ti ao meu lado, levamos 37 anos vivindo no mesmo fogar, dende que teño recordos ti sempre estiveches presente. Axudáchesme coa lectoescritura mercándome libros e lendo comigo. Axudáchesme cos meus deberes en tódalas etapas, empecei a aprender inglés ó teu carón, coa informática e ti tecleando co teu boli, tantas tardes de xogos de mesa co xadrez, damas, conecta 4, dominó... Tiven conversas interminables sobre multitude de temas e axudáchesme a adquirir coñecemento e valores de maneira envexable, boa parte de dedicarme á ensinanza a día de hoxe débocho a ti, sen dúbida tiven o mellor mestre posible!
Tódolos sobriños sentimos un amor incondicional e unha admiración profunda pola túa persoa, pola túa fortaleza e por todo o que nos ensinaches, o mesmo que senten os teus irmáns, irmás, cuñados, familiares, compañeiros de asociacións como Aixiña ou Algaria e amigos. Fuches quen de encher o corazón de tódalas persoas que estaban ao teu redor e de unir a túa familia, por iso quero que quede constancia da gran persoa que eras aquí e non nunha necrolóxica.
Como a ti che gustaría quero destacar a unha persoa que foi fundamental na túa vida e te cuidou con amor e de maneira incondicional ata o último día literalmente, miña nai e túa irmá Rosa. Vaia dous exemplos! Espero que esta gran lección de vida que nos deches nos axude a ser mellores persoas e cando teñamos problemas, estrés, ansiedade, pequenas enfermidades ou lesións nos lembremos da túa maneira exemplar de afrontar a vida, sempre cun sorriso, sendo positivos e optimistas e loitando ata o final como me dixeches no hospital ós teus 80 anos.
Lembrarémonos sempre de ti. Unha persoa da túa magnitude non se olvida nunca. Que a terra che sexa leve meu querido tío Camilo. Para nós es e serás eterno!