
O Al-Majisti aposta pola cultura de calidade no rural a base de literatura, astronomía e cine
24 mar 2025 . Actualizado a las 16:44 h.O glaciarismo ten en Galicia unha referencia inescusable na Veiga, onde este patrimonio natural de gran valor mantén os seus vestixios doutro tempo. Un Concello que tamén leva apostado dende hai anos por se converter nun lugar de visita obrigada en Galicia á hora de falar de astronomía, cun centro modélico e cun recoñecemento firme da Fundación Starlight. No 2024 A Veiga apostou por ir máis alá na súa reivindicación como destino turístico de natureza e astronomía, creando o Festival Al-Majisti, unha iniciativa que neste segundo ano chega cun programa, a desenvolver entre os días 28 e 30 de marzo, que incide no obxectivo que reitera Juan Anta, o seu alcalde: «Demostrar que no rural se pode facer cultura de calidade. De feito a nosa iniciativa conta co apoio, ao 100 %, do Ministerio para o Reto Demográfico, o que recoñece a nosa proposta pioneira no rural».
O glaciarismo de Trevinca, sesións de observación astronómica, conferencias da presidenta da Fundación Starlight e do director do Real Instituto y Observatorio de la Armada, presentacións de libros e a presenza de Isabel San Sebastián —que presentará libro e asinará as súas obras— son parte do programa. «As nosas paisaxes glaciares, coma os lagos, son unha das nosas grandes riquezas para atraer un turismo de calidade. Por iso quixen contar co maior especialista nesta materia, Valeriá Paül Carril, para a conferencia inaugural sobre o glaciarismo de Trevinca. Queremos por en valor este aspecto porque non tiña o recoñecemento que se merecía», sinala Anta. Outra das apostas claras e decididas pasa pola astronomía: «Levamos dez anos traballando nesa liña, a do incentivar o astroturismo para aproveitar a oportunidade que nos daba o noso ceo. Creamos o observatorio, reformamos o alumeado público e temos moitas actuacións relacionadas con este sector».
O pasado ano creouse unha publicación de Pepe Carreiro —unha guía de Os Bolechas— sobre esta realidade e neste procederase a presentar o xogo «De Trevinca ao fin do mundo polo Camiño das Estrelas».
O Al-Majisti programouse nas datas que inclúen o eclipse parcial do día 29. O obxectivo da iniciativa apúntao o alcalde de A Veiga: «Este ano é parcial e haberá no 2026, 2027 e 2028, daquela abordaremos esa realidade coa intervención de Pazos García, da Armada, cunha conferencia que será o propio día 29».