«A carne colleu un auxe interesante, con outras pezas e cortes»

m. rodríguez OURENSE

ALLARIZ

Miguel Villar

Picaña de boi ou «carpaccio» son algunhas das elaboracións que se poden degustar estes días en Allariz

12 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Allariz segue vivindo este outono unha particular cita coa gastronomía baseada en produtos propios. As quintas Xornadas de Carne de Boi, nas que participan 21 establecementos hostaleiros, son un atractivo máis para os amantes da carne de calidade. O restaurante A Horta (Emilia Pardo Bazán, 75) é un dos locais que ofrece elaboracións de boi por cuarto ano consecutivo.

-¿Que pratos ofrecen dentro das xornadas de carne de boi?

-Preparamos un carpaccio, pizza de boi, pero o principal son a picaña de boi e o chuletón á brasa.

-¿Cal é o que ten máis éxito?

-O prato estrela sería o chuletón á brasa. A picaña non é un corte tan coñecido en Galicia, pero é moi tenro e a xente anímase a probalo.

-Tiveron que investigar novas elaboracións para presentar este produto que protagoniza as xornadas?

-Aquí sempre lle demos importancia á parrilla, poñendo diferentes pezas á brasa. Estamos aprendendo todos os que participamos aínda que a carne de boi sempre se comía en Galicia e era algo do máis normal. Agora, a carne colleu este auxe interesante, de descubrir outros cortes e pezas que valen para para a parrilla, para guisar ou asar ou para preparar marinada en cru, como no carpaccio. Estamos descubrindo todo iso, saíndo do máis común solomillo, chuleta ou enterecosto. Hai que ir adquirindo información.

-Os clientes aceitan ben estas novidades?

-En Galicia hai moita cultura de carne e cando non é o habitual, veñen con boas expectativas.

-Participan tamén no concurso de pinchos?

-Si, animámosnos para facer un prato novo que logo pode quedar como un prato do restaurante si funciona. Estamos no concurso desde que comezou. Para esta edición presentamos un pincho cunha roda de pan ao forno con carpaccio de boi que leva un aceite de boletus, noces e rúcula. Foi algo de experimento pero estamos moi contentos co pincho que elaboramos e din que gusta.

-Son positivas estas xornadas?

-Este ano parece que hai máis demanda e vén xente de fóra, de León ou Madrid.